A V Feira de Artesanía e Produtos Ecolóxicos volve a Ponte Caldelas
Por Redacción
A Praza de España de Ponte Caldelas acollerá o domingo 28 de novembro unha nova edición da Feira de Artesanía e Produtos Ecolóxicos e xa vai pola súa quinta edición. A gran carpa que se instalará para o evento albergará a máis de 30 expositores que amosarán e terán á venda os seus produtos artesáns.
Esta é a segunda vez que a feira se celebra na Praza de España, centro neurálxico da vila. Os postos abrirán de 11 a 20 horas e durante toda a xornada haberá música tradicional, obradoiros infantís, demostración e oficios, un espectáculo de tallas en madeira con motoserra a cargo de Marcos Mariño, sorteos e outras sorpresas.
A organización do evento corre a cargo da Asociación ‘Das Miñas Mans’ e conta coa colaboración do Concello de Ponte Caldelas.
A actividade foi presentada este mércores no Concello pola organizadora, Arantxa Esperón e o alcalde, Andrés Díaz. O rexedor aplaudiu esta iniciativa feita dende Ponte Caldelas e que é quen de atraer, ano tras ano, a prestixiosos artesáns. Dende a organización destacaron que neste ano triplicaron o número de solicitudes o que significa que "esta feita estase convertendo nun referente a nivel galego".
A feira contará con máis de 30 artesáns, garantindo así unha ampla variedade de produtos de todo tipo, todos eles co común denominador da orixinalidade e artesanía na súa elaboración.
Nos postos poderán atoparse creacións artesáns tales como roupa de lá, tallado de vidro, madeira tallada, cerámica, todo tipo de complementos de bisutería, bolsos, esculturas feitas con area, marionetas, xoguetes de madeira, xabóns naturais, coiro, debuxos de arte rupestre, exposición de minerais e moitas máis cousas.