Os Reis Magos virán a Pontevedra, por primeira vez, sen animais vivos na cabalgata

Por Alejandro Espiño

© Mónica Patxot

© Mónica Patxot
Que o nadal se sinta en todo o municipio. Con ese espírito deseñouse este ano a programación lúdica e festiva que asolagará Pontevedra desde o 3 de decembro, día no que se acenderá a iluminación do Nadal, ata o 5 de xaneiro, data prevista para unha cabalgata dos Reis Magos que, por primeira vez, non terá animais vivos.
"Este ano ata o máis 'grinch' ten ganas de Nadal", subliñou a edil de Festas, Carme da Silva, que destacou que este ano se multiplicarán as actividades por barrios e parroquias. Iso si, "todo condicionado", dixo, á evolución da pandemia da covid-19.
A inauguración da iluminación do Nadal será o venres 3 de decembro, a partir das 18:30 horas. Será na Praza de España, presidida pola maior árbore luminosa que haberá en Pontevedra, de ata 33 metros, que substitúe ao emblema da Ferrería.
Ese mesmo día, nunha Ferrería que estreará unha decoración especial "con moitas sorpresas", segundo Da Silva, abrirá o poboado de nadal. Unha vintena de postos participarán neste mercado que ofrecerá gastronomía, artesanía ou decoracións típicas destas datas.
A oferta de postos, ademais, irá cambiando a medida que vaian pasando os días, polo que os adornos do Nadal das primeiras semanas deixarán paso a outras propostas. O mercado estará aberto todo o nadal, ata o 5 de xaneiro.
Unha das novidades da programación do Nadal deste ano será o mercado de árbores vivas que estará na Praza de Ourense os días 3, 4 e 5 de decembro.
Diversos viveiros do municipio ofrecerán árbores de nadal para que decoren as casas dos pontevedreses. Ao remate das festas, poden optar por quedar con el e plantalo nas súas leiras ou xardíns ou ben devolvelos ao Concello, que os replantará no monte.
A animación polas rúas será un elemento central destas festas, primeiro as fins de semana e a partir do 20 de decembro con propostas a diario. Haberá música, obradoiros infantís e espectáculos visuais por numerosos espazos públicos.
Serán, entre outros, en Loureiro Crespo, Avenida de Vigo, Rosalía de Castro, Cruz Vermella, Santa Clara, Eduardo Pondal, Praza de Barcelos, Doce de novembro, San Roque, O Burgo, a Praza de España, o centro histórico ou Montero Ríos, onde o Mago Antón instalará o seu Magomóbil.
Ademais, o 23 de decembro a Praza de Ourense acollerá o concerto do Nadal da Xeración Sónica e o 4 de xaneiro haberá os tradicionais Cantos de Reis polo centro da cidade.
Dentro da proposta "Nadal nos centros culturais", este tipo de animación chegará tamén a todos os barrios e parroquias, con dous espectáculos e obradoiros do Nadal por cada centro cultural do municipio, que complementarán a oferta das propias asociacións.
A programación completa de Nadal pódese consultar nesta ligazón.
O Pazo da Cultura, pola súa banda, recibirá a Carlos Núñez (18 de decembro), os concertos da Banda de Música de Salcedo (22 de decembro) e da Banda de Música de Pontevedra (23 de decembro) e o concerto de Aninovo da Filharmónica Cidade de Pontevedra (1 de xaneiro). O concerto do Nadal do Seminario Permanente de Jazz (26 de decembro) será no Teatro Principal.
CABALGATA MÁIS LONGA E SEN ANIMAIS VIVOS
Con respecto ao día 5 de xaneiro, Carme da Silva explicou que a recepción oficial dos Reis Magos, que tradicionalmente era en Mugartegui, cambiará de lugar. Será na Praza de España, ás 11:00 horas, en busca dun maior espazo e poder celebrarse ao aire libre.
A cabalgata da tarde, que non incluirá animais vivos por primeira vez, sairá ás 18:00 horas, pero cubrirá un percorrido maior, buscando que haxa un maior espazo para vela e evitar demasiadas aglomeracións de público.
Así, sairá do cruzamento da Avenida de Lugo con Virxinia Pereira e, posteriormente, pasará por todo Loureiro Crespo, Benito Corbal, Praza da Peregrina, Michelena e Praza de España antes de terminar na Alameda.
Relacionadas:
-
A recepción dos Reis Magos en Pontevedra trasládase ao Recinto Feiral
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Os Reis Magos aceptan a "cabalgata estática" proposta pola Xunta e recibirán os nenos na Praza de España
Por Anxo Lourido |
-
Á venda as entradas do tradicional Concerto de Aninovo
Por Redacción |
-
Pontevedra dá a benvida ao Nadal co acendido do alumeado e o poboado da Ferrería
Por Redacción |
-
O Nadal de Meaño homenaxea ao sector do viño
Por Redacción |
-
'Libera!' aplaude que "despois de anos de queixas" Pontevedra teña unha cabalgata sen animais
Por Redacción |
-
Papa Noel prenderá o alumeado de Nadal en Vilagarcía con banda de música e un espectáculo de pompas de xabón
Por Oskar Viéitez |
-
Decorar os escaparates de Nadal terá premios de ata 1.500 euros en Pontevedra
Por Redacción |
-
A Praza de España 'róuballe' a súa árbore do Nadal á Ferrería
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra empeza a prepararse para celebrar o Nadal
Por Alejandro Espiño |