Científicas das tres universidades galegas impartirán charlas nos institutos de Bueu e O Grove
Por Redacción
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra inician o luns, 29 de novembro, o segundo bloque do II Ciclo de Conferencias "Aida Fernández Ríos", coordinado pola catedrática de Microbioloxía da Universidade de Santiago de Compostela e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.
Celebraranse cinco conferencias presenciais en institutos de secundaria e bacharelato de Tui, Bueu, O Grove e Silleda.
Estas charlas teñen como finalidade achegar a ciencia á poboación máis nova e fomentar as vocacións científicas, así como concienciar ao alumnado de que nenos e nenas teñen as mesmas capacidades e poden chegar a ser o que se propoñan.
O xoves 9 de decembro celebrarase unha nova charla no IES illa de Ons de Bueu. Nela participarán 32 alumnos de 4º da ESO que asistirán a un relatorio titulado "A intelixencia artificial non é ciencia ficción", impartido pola catedrática da Área de Computación e Intelixencia Artificial da Universidade da Coruña e expresidenta da Asociación Española de Intelixencia Artificial, Amparo Alonso Betanzos.
"Obxectivo saúde: a revolución dos alimentos" é o título da conferencia que impartirá a profesora de investigación do Instituto de Investigacións Mariñas, coordinadora Nacional da Área de Ciencia e tecnoloxía dos Alimentos do CSIC e académica numeraria da RAGC, Isabel Medina Méndez, o venres, 10 de decembro, no IES Monte da Vila do Grove. Un grupo de alumnos de 1º e 2º de bacharelato do centro asistirán á charla.
A catedrática de Inmunoloxía do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, África González Fernández, impartirá o luns, 20 de novembro, a conferencia "Potencia as túas defensas: Vacínate!" no IES Johan Carballeira de Bueu ao que asistirán alumnos de 4º da ESO e 1º e 2º de bacharelato.