Aprobación dos orzamentos de 2021 co voto en contra do PP e a abstención do PSOE
Por Redacción
Nunha tensa sesión plenaria de carácter extraordinario, a corporación de Bueu aprobaba este 30 de novembro os orzamentos xerais do Concello deste ano 2021. O documento foi apoiado cos votos favorables do grupo de goberno formado por BNG e ACB, cos votos en contra do Partido Popular e a abstención do PSOE.
Os populares presentaran oito alegacións despois de que o orzamento se aprobara provisionalmente hai un mes. O Concello desestimou estas alegacións ao entender que non se acollen aos motivos recolleitos na lei, atendendo ao informe do interventor.
Félix Juncal, alcalde de Bueu, insistiu en que se trata do único concello da comarca que carece de débeda financeira "polo que algo estaremos facendo ben". Pola súa banda, a portavoz do PP, Elena Estévez, acusou o goberno local de trasladar un documento tan importante cando está a piques de finalizar o ano, "o que demostra falta de previsión", afirmou. O rexedor respondeu que se aproban agora "por prudencia", para ter o máximo de información e que os orzamentos se axusten á realidade.
O orzamento entrará en vigor cando se publique no Boletín oficial da Provincia e conta con 6.575.000 euros no apartado de gastos mentres que os ingresos establécense en 6.623.301 euros. Juncal asegurou que o documento reflicte un incremento en partidas para políticas sociais para a cidadanía.
Ademais, na sesión plenaria aprobábase o cadro de persoal para este ano. Segundo o grupo de goberno mellórase as condicións laborais do persoal municipal a través das mesas de negociación e recentemente aprobábase a Relación de Postos de Traballo (RTP).