Ordenan o cese de actividade do Liceo Mutante, que denuncia unha "campaña de acoso"
Por Natalia Puga
A asociación cultural Liceo Mutante atópase, segundo eles mesmos indicaron, "nunha situación crítica e de absoluta vulnerabilidade". O motivo é a orde de cese de actividade emitida recentemente polo Concello de Pontevedra para o seu local na rúa Rosalía de Castro de Pontevedra.
O cese de actividade foi decisión do departamento municipal de Disciplina Urbanística. O concelleiro responsable, Xaquín Moreda, confirmou esta orde de peche e explica que o local carece de licencia para a actividade que realizan e o Concello tivo que actuar porque o urbanismo é unha disciplina regrada.
En todo caso, aclara que o Concello non actuou de oficio, senón a raíz dunha serie de denuncias presentadas pola actividade do local e que confían en que o Liceo Mutante faga o posible por corrixir os erros que poidan ter na actualidade para cumprir os requisitos para ter licencia e poder recuperar a súa actividade, moi "interesante" na vida cultural da cidade.
O propio Liceo Mutante explica que nos últimos meses recibiron constantes visitas da Policía Local, que irrompeu no Liceo "absolutamente todos os días" en que organizaron actividades, nalgunha ocasión, mesmo dúas veces na mesma xornada.
Ademais, no mes de agosto, cunha urxencia que consideran "desproporcionada" e un proceder, ao seu parecer, "pouco ortodoxo", recibiron un requirimento de inspección do local por parte de Disciplina Urbanística.
A asociación asegura que estas visitas policiais foron en resposta ás constantes chamadas realizadas por unha persoa non residente no barrio de Mollabao, pero da que coñecen detalles como que se adica ao mundo da construción e posúe dúas vivendas en estado semirruinoso nas inmediacións do Liceo Mutante.
Ademais, engade que se puxeron en contacto con esa persoa e que lles trasladou que o ruído dos eventos deste verán no xardín foi molesto. O Liceo Mutante recoñece que este verán puido haber máis ruído do habitual, pero atribúeo á situación excepcional da pandemia, que lles impide realizar actividades no interior.
A orde de cese de actividade sinala que entre o 31 de xullo e o 2 de setembro foron entregadas por rexistro nove denuncias, que poñían de manifesto a celebración de espectáculos musicais e tamén irregularidades na situación catastral do inmoble.
Dende o Liceo Mutante denuncian que se ven vítimas dunha "campaña de acoso á que estamos sendo sometidos por parte da administración e da propia Policía Local", que, atendendo aos requirimentos do mencionado veciño, chegou a irromper nunha das súas asembleas, "unha actividade totalmente lícita, nas antípodas do recreativo".
Denuncian tamén a súa situación de "indefensión legal e burocrática" e engaden que "cústanos asumir que o ruído excepcional dun verán marcado por unha situación sanitaria que puxo ao límite o asociacionismo e a cultura autoxestionada sexa a causa que levou a este señor a denunciarnos de xeito compulsivo".
Nesta liña, levantan sospeitas sobre posibles intereses ocultos deste denunciante e o desexo de adquirir máis inmobles na zona, algúns deles lindeiros co seu local.
O Liceo Mutante recoñece que está a atravesar unha situación difícil, "con certeza a máis difícil das moitas que tivo que enfrontar dende a súa fundación no verán de 2011".
Relacionadas:
-
O Liceo Mutante, na busca de mecenas para financiar a reforma da súa "prometedora" nova sede
Por Alejandro Espiño |
-
'Chao Mollabao', a festa que Liceo Mutante organiza para despedirse do barrio
Por Anxo Lourido |
-
O Liceo Mutante busca novo local para seguir a súa actividade "non molestando a ninguén, coma sempre fixemos"
Por Natalia Puga |