Pontevedra reclama unha "saúde mental sen ataduras"
Por Redacción & Mónica Patxot
No Día dos Dereitos Humanos, o Movemento Galego da Saúde Mental mobilizouse en Pontevedra en contra dunha práctica, a contención mecánica, que se mantén a día de hoxe dunha maneira normalizada a pesar de que se considera que vulnera os dereitos das persoas e atenta contra a súa dignidade.
Trátase dunha práctica coercitiva consistente en atar á persoa mediante o uso de correas de tal modo que queda totalmente inmobilizada durante un tempo que en ocasións chegan a durar días.
A súa erradicación, sinalan, está avalada por resolucións de organismos internacionais como a Resolución do Consello de Dereitos Humanos da Organización de Nacións Unidas sobre Saúde Mental e Dereitos Humanos.
O Movemento Galego da Saúde Mental elixiu a céntrica Praza da Peregrina para visibilizar a súa postura e tentar sensibilizar á sociedade sobre as consecuencias do que entende como "prácticas violentas que deberían estar superadas hai décadas, que son signo dun grave atraso asistencial".
Esta acción simbólica prodúcese dous anos despois de iniciarse o Plan de Saúde Mental de Galicia elaborado polo goberno autonómico sen que se producise "ningún avance" nesta cuestión.