Vilagarcía suma 14 'aparcabicis' con capacidade para unhas duascentas bicicletas
Por Redacción
O goberno municipal de Vilagarcía decidiu ampliar os espazos reservados para o aparcamento de bicicletas en todo o seu ámbito urbano. Así, xa comezaron os traballos para instalar ata 14 'aparcabicis', que terán capacidade para unhas duascentas bicicletas.
Os lugares elixidos para instalar as novas liñas de arcos metálicos son todos puntos ao redor dos que se move ou concentra un número importante de persoas ou, o que é o mesmo, potenciais usuarios da bicicleta. Son centros educativos, áreas de recreo ou zonas comerciais.
Así, xa se instalaron os novos arcos na Praza da Independencia (nas inmediacións do colexio San Francisco), no colexio da Escardia (xunto a parada do bus) no parque da Xunqueira (xunto á zona de xogos infantís) e no Miguel Hernández.
Nos vindeiros días completarase a actuación colocando 'aparcabicis' nas inmediacións do instituto Castro Alobre (parada de bus), no Cotarelo, no IES Miguel Ángel González, nos colexios do Piñeiriño, Anexo A Lomba e Sagrada Familia, na Praza de Abastos, no Paseo Marítimo (na zona do parque infantil de Carril), na Praia Compostela e no piñeiral da Concha.
Esta nova remesa de 'aparcabicis' súmase ás xa instaladas previamente, como as das prazas de Ravella ou Galicia e implementaranse en breve cos equipamentos tamén incluídos nos respectivos proxectos das ciclovías e no dos camiños escolares seguros.