Falece unha muller de 78 anos en Montecelo con covid-19, vítima 213 na área desde o inicio da pandemia
Por Redacción
Unha muller que falecía este luns 13 convertíase na vítima 213 na área sanitaria desde o inicio da pandemia.
Segundo a información facilitada este martes pola Consellería de Sanidade, a paciente, de 78 anos de idade, atopábase ingresada no Hospital Montecelo e contaba con outras enfermidades previas no seu historial clínico.
A anterior morte na área de Pontevedra-O Salnés como consecuencia da pandemia notificouse o sábado. Tratábase dun home de 91 anos, que tamén perdía a vida en Montecelo.
Desde o inicio do plan de continxencia curáronse 21.836 pacientes, 45 máis nas últimas horas.
Nesta mesma xornada, a Consellería de Sanidade tamén notificaba outros tres decesos en Galicia.
Un home de 86 anos, falecido na Coruña, durante o luns 13 e outras dúas mulleres que morrían en Vigo este martes, unha de 90 anos, en Povisa; e a outra vítima contaba con 92 anos e perdía a vida na Residencia CLECE Pardo Bazán. Todas as vítimas contaban con patoloxías previas.
PREVISIÓN DE VACINA PARA POBOACIÓN INFANTIL
Este mércores 15 iniciarase a vacinación de poboación infantil con idades comprendidas entre os 5 e os 11 anos.
Segundo informan desde a Xerencia do Complexo Hospitalario de Pontevedra será sempre en quenda de tarde e mediante cita, que se recibirá por SMS, indicando a data, hora e lugar no que deberá comparecer.
Ademais, o SMS ofrecerá unha ligazón para descargar o consentimento informado. Só se permitirá a entrada do menor acompañado dunha única persoa adulta que deberá achegar o consentimento xa asinado.
Está previsto que no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Campolongo se acheguen 1.345 doses a menores durante a tarde, mentres que pola mañá se inocularán 1.700 terceiras doses a cidadanía con idades comprendidas entre os 50 e os 59 anos.
No Hospital do Salnés vacinaranse pola tarde 465 escolares con idades situadas entre os 5 e os 11 anos. Na Antiga Comandancia da Mariña en Vilagarcía de Arousa está previsto que se inxecten 460 terceiras doses a persoas que se atopan na franxa entre 50 e 59 durante a quenda de mañá.
Tanto no Edificio Administrativo da Xunta en Pontevedra como na Comandancia de Vilagarcía seguirase vacinando a todas aquelas persoas que acudan e que, ata o momento, non se puxeron ningunha dose de vacina, ademais de repescas de persoas maiores de 60 anos e persoal sanitario e sociosanitario.
Relacionadas:
-
Unha muller de 70 anos, quinta vítima da covid esta semana na Área Sanitaria
Por Diego Espiño |
-
Segundo falecemento asociado á covid esta semana no CHOP, o dun home de 66 anos
Por Diego Espiño |
-
O TSXG autoriza esixir o pasaporte covid para acceder a residencias, ximnasios e eventos multitudinarios
Por Redacción |
-
171 novos contaxios elevan os casos activos na área sanitaria de Pontevedra ata os 2.105
Por Alejandro Espiño |
-
Os centros educativos da área sanitaria notifican un total de 411 casos activos na última semana
Por Oskar Viéitez |
-
As altas non compensan os novos contaxios e a área rebasa os 2.000 casos activos
Por Alejandro Espiño |
-
Os casos activos por covid-19 rozan os dous mil e os hospitalizados soben a 47
Por Alejandro Espiño |
-
Os casos de covid-19 duplícanse nunha semana e levan ao Concello a suspender a Festa de Fin de Ano
Por Redacción |
-
Os estudos epidemiolóxicos en Pontevedra reflicten que os contaxios céntranse nas xuntanzas familiares e de non convivintes
Por Redacción |
-
As vacinas pediátricas de Pfizer xa están en Galicia e empezarán a inxectarse o mércores
Por Alejandro Espiño |