O Nadal chega a Moraña con actividades infantís e sorteos
Por Redacción
O Nadal segue o seu curso en Moraña, cunha intensa programación pensada, sobre todo, para os máis pequenos da casa. Hoxe ás 20.00 horas, inaugúrase no Multiusos a exposición pictórica de Elsa García Ospina, “Expresións de vida e cor”. Acto seguido, os nenos e nenas da ESMU interpretarán cancións de Nadal.
O sábado Papá Noel visitará Moraña grazas a unha actividade financiada pola Deputación de Pontevedra a través do Plan Concellos. Ás 16.00 horas, Papá Noel visitará a aldea do Nadal, na Carballeira de Santa Lucía, acompañado por dúas burbullas luminosas. E a partir das 17.30 horas, visitará os comercios, tendas e negocios do centro da vila.
No comercio local segue activa a campaña de apoio, na que para participar non será abondo con mercar, senón que haberá que facelo en galego. Ata o 21 de decembro, con cada compra coa que se queira participar realizada nalgún dos 65 comercios adheridos á iniciativa, será preciso cumprimentar unha papeleta facilitada polo propio establecemento e metela na urna.
Outra modalidade de participación será a través de redes sociais, nos perfís de Moraña Actívase en Facebook e Instagram, onde se levará a cabo un concurso no que os participantes deben recomendar un establecemento do comercio local de Moraña do que sexan clientes e explicar por que o recomendan, sempre en galego.
En total, sortearanse 10 vales de compra de 50 euros para os participantes que merquen en físico e 2 vales entre os concursantes que opten pola opción das redes sociais. O sorteo será o día 22 de decembro.