Moraña abre este venres o belén artesanal e a aldea de Nadal na Carballeira
Por Redacción
Moraña inaugurará este venres o seu Nadal. Ás 20.00 horas estrearase a ambientación da vila co acendido do alumeado, "que este ano non deixará indiferente a ninguén", con figuras de Nadal ou árbores, explican desde o Concello.
Na Carballeira de Santa Lucía instalarase unha Aldea Infantil Navideña. En toda esta apertura contarase coa amenización musical da Banda de Música Nova Lira de Moraña.
A continuación, abrirase ao público no Multiusos o belén artesanal realizado pola Asociación de Mulleres Rurais O Menhir, no que se recrean as parroquias do municipio, facendo este ano unha homenaxe aos antigos oficios do rural.
Xa o sábado día 11 será a quenda das corais, co XIX Certame de Corais organizado pola Coral Voces Amigas de Moraña, no que estarán acompañados pola Coral da Terceira Idade de Vedra e a Coral Polifónica de Campo Lameiro. O concerto será no Multiusos ás 18.00 horas.