As axudas Supera21 para a compra de ordenadores e investimentos en pemes, en vía de pagamento
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra deu a orde de pago de dúas das tres liñas de subvencións incluídas no plan Supera21, as destinadas á compra de computadores e aos investimentos realizados en pequenas e medianas empresas.
A terceira 'pata' deste programa, co que o Concello busca reactivar a economía local tras a crise provocada pola pandemia da covid-19, non tardará moito máis. As axudas para que pemes e autónomos sufraguen gastos correntes está na fase final de tramitación.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, defendeu o "esforzo titánico" realizado pola administración municipal para impulsar estas axudas, non só en materia económica -1.852.000 euros entre os plans Supera20 e Supera21-.
O plan Supera21 concederá 1.086 axudas entre as preto de 2.200 solicitudes recibidas, moitas delas duplicadas. Así, repartiranse 598.000 euros para investimentos nas pemes (165 subvencións), 297.000 para gastos correntes (108 subvencións) e 450.000 euros para ordenadores (813 subvencións).
As solicitudes presentadas supuxeron un inxente traballo para uns funcionarios municipais "que o fixeron francamente ben", engadiu o tenente de alcalde, Tino Fernández, ante un volume de subvencións "inédito" en Pontevedra.
O interese por estas axudas provocou que se esgotase o crédito dispoñible para 2021, "o que demostra o éxito desta convocatoria", destacou o alcalde, e que saísen adiante "a pesar dous agoreiros", apuntou o dirixente socialista.
"Estamos orgullosos e convencidos de que esta é a senda que necesita Pontevedra", sinalou Fernández, que puxo en valor a "transversalidade" dun goberno municipal "sen compartimentos estancos" e que, asegurou, "dá os pasos que ten que dar".
Fernández Lores recoñeceu certo atraso na tramitación, que achacou ao interese do Concello de que estas axudas "deben chegar a quen máis o necesita", polo que houbo visitas aos solicitantes "para evitar fraudes" e requiriuse máis documentación a 400 deles.
Todo iso, explicou o rexedor, "demorou a resolución máis do que nos gustaría", pero o Concello autorizou xa o "pago ordenado" destas axudas a máis de mil beneficiarios.
"Tiñamos un plan e cumprimos", subliñou o alcalde de Pontevedra, que avanzou que para 2022 non está previsto manter estas axudas, pero aclarou que, de ser necesaria unha nova convocatoria, o goberno municipal "buscaralle encaixe".
Relacionadas:
-
Novas achegas do Plan Concellos para Marín e Bueu
Por Redacción |
-
O Plan Supera21 recibe 325 solicitudes para financiar investimentos en empresas
Por Alejandro Espiño |
-
As axudas do Plan Supera21 poderán destinarse a investimentos ou a gasto corrente
Por Alejandro Espiño |
-
As axudas municipais para comprar ordenadores reciben 256 solicitudes en só catro días
Por Redacción |