Poio tivo en 2019 a segunda renda por vivenda máis alta da provincia de Pontevedra
Por Redacción
O Instituto Nacional de Estatística (INE) facilitou no mes de decembro os datos correspondentes ao ano 2019 en canto á renda do fogar se refire. Nesa actualización aparece que o municipio de Poio contou coa segunda renda neta por vivenda máis alta de toda a provincia de Pontevedra e coa quinta de toda Galicia.
Neste senso, o informe destaca que Poio conta con 34.477 euros, sendo superada na provinicia por Nigrán (36.477). Ademais, os datos mostran un aumento en comparación co ano 2018, pasando de 31.900 a 34.477 euros (un 7,5%, un dos máis elevados na Comunidade Autónoma).
Desde o Goberno local valoran estes datos como "moi positivos" e consideran que o documento do INE "vén a constatar que Poio é un concello con atractivo, no que existe unha calidade de vida garantida para os seus habitantes e no que se xera unha riqueza e dinamización económica moi importantes".
Os mandatarios municipais tamén fan fincapé no feito de que este nivel de renda supere con folgura aos que se rexistran noutras cidades como Vigo ou Pontevedra. Este rexistro vai en consonancia co incremento de persoas empadroadas que se vén rexistrado de xeito regular desde principios de século, e que marcou un novo teito en 2021, con 17.230 habitantes, unha cifra nunca antes acadada.
A renda neta por persoa tamén tivo unha tendencia á alza no último lustro, marcándose o máximo no 2019 cunha media de 12.393 euros por persoa, sendo o único exercicio no que se superan os 12.000 euros.
Na última actualización do INE tamén se constata que Poio contou en 2019 coa segunda maior renda neta por persoa da bisbarra de Pontevedra, só superada pola capital (12.922 euros). Outros concellos coma Vilagarcía de Arousa ou Sanxenxo tamén quedaron por debaixo dos rexistros do concello poiense.
Conxelación de taxas e bonificacións
Estas cifras fanse públicas nun momento no que o Goberno municipal consolida a súa política de conxelación de taxas e recibos correspondentes a servizos básicos como auga, recollida de lixo e saneamento, unha liña que se vén mantendo desde o ano 2013.
Ademais, neste 2022 entra en vigor a redución do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para familias numerosas con rendas inferiores aos 30.000 euros anuais, que só pagarán o 50%; haberá descontos do 25% para vivendas construídas antes do ano 2007 que contemplen a instalación de sistemas de aforro enerxético (como paneis solares, por exemplo) e de hasta o 95% para explotacións agrarias.
O Concello lembra que, se ben estaba previsto un recargo do 25% para segundas vivendas sen habitar (que non afectaría ás que se atopan en alugamento ou contan con persoas empadroadas), esta modificación queda en suspenso mentres o Goberno central non conclúa a tramitación a Lei de Vivenda, que xa contempla medidas neste apartado.
As bonificacións tamén se estenderán para o Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM), dun 50% para aquelas persoas que dispoñan ou adquiran automóbiles híbridos. No caso dos eléctricos, haberá unha exención do 100%. A través destas medidas búscase reducir o impacto de emisión de gases e dar cumprimento ás directrices establecidas na Axenda 2030. Neste apartado, aplícase unha suba do 10% para turismos que non cumpran estas características, e que non afectará a camións, autobuses, tractores e ciclomotores.