A parroquia de Salcedo, primeira parada dunha xira para explicar os orzamentos 2022 no rural
Por Redacción
Unha vez aprobado en pleno o proxecto de orzamentos municipais para 2022, o Concello de Pontevedra porá en marcha esta semana unha xira informativa polas parroquias pontevedresas co obxectivo de achegar á veciñanza os puntos principais do documento.
A xira informativa comezará este xoves 13, ás 19.30 horas, en Salcedo e rematará o 10 de febreiro en Lérez. Entre estas dúas datas, o Concello irá visitando os diferentes consellos parroquiais coa idea de divulgar e achegar coñecemento sobre os orzamentos deste ano, acción que o ano pasado non puido ser realizada por mor da crise sanitaria provocada pola covid-19.
O Concello explica que activan esta xira como "un exercicio divulgativo e de transparencia de cara á cidadanía" para que esta coñeza en que varían os orzamentos respecto do ano pasado, que servizos serán reforzados e onde serán investidos os cartos municipais.
O concelleiro Alberto Oubiña, coordinador do Rural, indica que nestas reunións tamén son un exercicio de participación, pois queren "escoitar as propostas da veciñanza para telas en conta á hora de pensar nas partidas eméritas e para futuros orzamentos".
"Sabemos que hai moita xente disposta a aportar e obter unha visión global das parroquias, das súas necesidades xerais. Facer un percorrido para explicar os orzamentos tamén axuda a que as persoa comprenda e visualice as accións de actuacións derivadas destes", explica Oubiña.