Unha segunda oportunidade para un matrimonio de Marín: logran cancelar unha débeda de 154.496 euros
Por Natalia Puga
O matrimonio formado por C.S. e B.J., de Marín, levaba anos "acumulando pequenos préstamos", cuxa cantidade se foi incrementando porque lles facían refinanciamentos ou ampliacións de crédito. Chegou un momento no que "non atopaban saída á súa situación", de modo que decidiron acollerse á Lei de Segunda Oportunidade.
Finalmente, o seu é un caso de éxito. 'Repara a túa Débeda Avogados' fixo pública este mércores a sentenza do caso deste matrimonio de Marín e revelou que logrou unha "segunda oportunidade" ao cancelarse a súa débeda de 154.496 euros.
Os avogados explican que a Lei de Segunda Oportunidade entrou en vigor en España en 2015 e, desde entón, cada vez máis persoas acoden a axuda letrada en busca dunha saída aos seus problemas. Máis de 18.000 particulares e autónomos empezaron o proceso para lograr ter esa segunda oportunidade e cancelar as débedas contraídas ás que non poden facer fronte.
Neste caso pontevedrés, o Xulgado de Primeira Instancia número 2 de Marín ditou unha sentenza o pasado 15 de decembro no que se recoñece ao matrimonio Beneficio de Exoneración do Pasivo Insatisfeito ( BEPI), isto é, cancélaselle a súa débeda por non poder facer fronte á mesma.
A parella decidiu empezar o proceso para acollerse a esta lexislación cando xa non viu saída. Entraron en concurso de acredores e finalmente a administración concursal solicitou a conclusión do concurso informando de que "non existen bens nin dereitos do concursado, nin de terceiros responsables cos que satisfacer aos acredores". Dado que tampouco hai opción de poñer en marcha "acciones viables de reintegración", solicítase o arquivo da débeda.
O xulgado deulle a razón e acordou a conclusión do concurso co arquivo das actuacións. "Procede conceder o beneficio de exoneración do pasivo insatisfeito", recolle a resolución xudicial.
Entre outros motivos, o xulgado baséase en que este matrimonio é "debedor de boa fe" e non foi declarado culpable nin ningún dos dous integrantes da parella foron condenado en sentenza firme por delitos contra o patrimonio, contra a orde socioeconómica, de falsidade documental, contra a facenda pública e a Seguridade Social ou contra os dereitos dos traballadores nos 10 anos anteriores á declaración do concurso.
No seu caso, ademais, o beneficio de exoneración estenderase á totalidade dos créditos insatisfeitos.
Relacionadas:
-
Dous irmáns que avalaron unha empresa familiar, exonerados dunha débeda de 2,5 millóns
Por Natalia Puga |
-
O xulgado exonera dunha débeda de 216.000 euros a un pontevedrés que vivía nunha "espiral de inestabilidade laboral"
Por Redacción |
-
RADIO.- Por que non se promociona a Lei de Segunda Oportunidade? Unha ferramenta legal ante crises financeiras
Por Marisa Ciordia |