A reforma prevista na PO-308 ao seu paso por Portonovo "converterá a esta estrada nunha rúa"
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín asinaron este luns o convenio para a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo que "converterá a esta estrada nunha rúa".
O custo da actuación está valorado en 2.328.776 euros, dos que a Xunta financiará o 70% e o Concello o 30% restante. Ten un prazo de execución de 15 meses e a súa licitación está prevista para a próxima primavera polo que as obras poderán empezar en setembro coa idea, segundo dixo Telmo Martín, de poder concluílas o próximo ano e interferir o mínimo na actividade comercial e turística da vila mariñeira.
Martín destacou que este tramo e o comprendido entre as rotondas de Arnelas e Baltar completarán a humanización da PO-308 entre A Granxa e Sanxenxo, case 18 quilómetros.
"En cinco anos transformamos unha estrada chea de defectos e caótica na gran vía ou boulevard que Sanxenxo necesitaba para articular a maior parte das súas vivendas e a actividade turística", asegurou.
Ethel Vázquez, pola súa banda, incidiu na "transformación radical do núcleo de Portonovo e a mellora de seguridade e accesibilidade que supoñerá esta obra que permitirá converter unha estrada nunha rúa onde o protagonismo terano as persoas".
O Concello de Sanxenxo asume a redacción do proxecto. A actuación centrarase nun tramo de 810 metros no que se habilitará un tramo peonil accesible dun ancho mínimo de 2 metros, zonas de carga e descarga e espazos de descanso con xardinería. O proxecto contempla dúas glorietas, unha na intersección coa Rúa Areal e outra no cruzamento da Perla.
O proxecto tamén inclúe a instalación das canalizacións subterráneas para a telefonía e para a electricidade que substituirán os actuais tendidos aéreos e a renovación das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e de iluminación pública.
Relacionadas:
-
Reactívanse as obras do boulevard de Portonovo coa intención de finalizar en xuño
Por Redacción |
-
As autoridades poñen o ollo en catro estradas da comarca polo ruído que xeran
Por Manu Otero |
-
O BNG acusa á Xunta de "discriminar" a Poio e o PSOE fala de "sectarismo"
Por Oskar Viéitez | Creada e actualizada
-
A Xunta cofinanciará a humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo
Por Oskar Viéitez |
-
Ingeniería Noroeste redactará o proxecto da humanización da PO-308 ao seu paso por Portonovo
Por Redacción |
-
Máis de 2,3 millóns para humanizar o paso da PO-308 polo núcleo urbano de Portonovo
Por Redacción |