Pontevedra acollerá unhas xornadas que abordarán a corrupción no ámbito sanitario
Por Oskar Viéitez
Pontevedra acollerá os próximos 22 e 23 de novembro unhas xornadas de debate que abordarán a corrupción e os conflitos de interese na saúde, a medicina e o ensino das ciencias da saúde, "co fin de estudar alternativas de independencias e transparencia". Os programas de austeridade e as privatizacións da Sanidade Pública, a corrupción no cambio de modelo sanitario, son algúns dos temas que se abordarán no Pazo da Cultura.
A Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública (FADSP) e a Plataforma Non Grazas, organizacións que loitan contra a influencia da industria nas decisións dos profesionais sanitarios, organizan este ano as súas Xornadas anuais de Debate en Pontevedra, xunto coa Asociación Farmacrtix de Estudiantes de Medicina e a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública.
Segundo destacan os organizadores, os temas a debate "son de grande interese", entre os que destacan as "presións da industria sobre os sanitarios, os conflitos de intereses, a corrupción, os recortes sanitarios ou as respostas a todo isto dende o mundo profesional, os estudantes e a cidadanía".
Están convidados profesionais sanitarios e estudantes de todo o Estado, e organizacións cidadás e sociais
"Os conflitos de intereses habitualmente non saen á luz pública, permanecen ocultos, asumidos como inevitables por unha sociedade acrítica e 'medicalizada'. Son na súa maioría económicos, nun mundo farmacéutico e de tecnoloxías sanitarias que nas dúas últimas décadas xustifica os medicamentos e os avances médicos polas ganancias empresariais e non polos resultados en saúde, sen apenas relación entre os beneficios para os pacientes e os custos e efectos adversos", explican os organizadores.
"Estas son unhas xornadas 'Libres de Fumes Industriais e Empresariais'. ÿ dicir, sen patrocinio da industria, sen intereses comerciais nin doutra índole", aínda que contan co apoio do Concello de Pontevedra e coa colaboración de representantes de partidos do Parlamento de Galicia.
Están convidados profesionais sanitarios e estudantes de todo o Estado, e organizacións cidadás e sociais "interesadas en manter o sistema sanitario público, o uso racional dos recursos e evitar que se fagan negocios privados cos fondos públicos, sobre todo neste momento de crise", engaden os organizadores.