Repoñen o céspede sintético roubado no parque infantil de Saíñas
Por Redacción
Operarios municipais reporán "no menor tempo posible", segundo garante o Concello, o céspede sintético no parque infantil de Saíñas, en San Salvador, que foi roubado hai uns días.
Así, vaise a instalar o tapete naquelas zonas nas que foron retiradas polos vándalos, tal e como confirmou o concelleiro de Medio Ambiente, o nacionalista Xosé Luís Martínez.
O Concello é consciente de que este é un espazo aberto de lecer para crianzas que é moi utilizado pola veciñanza deste núcleo de San Salvador, polo que aposta por telo a punto nas mellores condicións. As tarefas concluirán en poucos días.
Ademais, a administración local lamenta o "comportamento incívico" dalgúns individuos que, con este tipo de accións, "o único que conseguen é danar unhas instalacións que están a disposición da cidadanía".
Os traballos lévanse a cabo para garantir que as crianzas poidan utilizar os aparellos con toda a comodidade e seguridade.
Por outra banda, os operarios municipais tamén procederon nos últimos días a completar os traballos de poda e mantemento das árbores situadas na Alameda de San Xoán, nas inmediacións do consistorio e do mosteiro.
Trátanse de preto de 20 exemplares de plátanos de sombra nos que cada ano, de xeito periódico, se traballa nas súas ramaxes, para evitar desprendementos e garantir a boa saúde das árbores.