Pontevedra felicita a Tanxugueiras pola súa "pedazo actuación" no Benidorm Fest
Por Alejandro Espiño
Non gañaron o Benidorm Fest, pero o que si lograron as Tanxugueiras é chegar ao corazón de todos os españois. Elas foron as máis votadas polo público e, aínda que non representarán a España en Eurovisión, os ecos da súa gran actuación seguen ecoando.
Desde o Concello de Pontevedra sumáronse este luns ás felicitacións para este trío de pandereteiras que levaron a música tradicional galega aos fogares de millóns de españois cunha canción, "Terra", que mostrou todo o potencial da nosa cultura.
"Foi unha pedazo actuación", destacou a portavoz do goberno municipal, Anabel Gulías, que subliñou o "orgullo" que supuxo para os galegos ter "tan dignas representantes" neste festival musical.
Para o executivo pontevedrés, o éxito de Tanxugueiras demostra que Galicia "non ten límites nin fronteiras" cando "cremos nas nosas capacidades, nas nosas competencias, no noso idioma, na nosa identidade e na nosa cultura".