A mellora da área do Río Bermaña, a 'guinda' á transformación urbana de Caldas
Por Redacción
Case 580.000 euros é o orzamento para unha actuación coa que, segundo o alcalde de Caldas, "case daría por terminada" a transformación urbana da vila. Trátase da reforma de toda a área do Río Bermaña, incluída no Plan ReacPon da Deputación, que achega 493.000 euros.
A actuación proxectada busca, coa reforma do viario e do espazo público, a rehabilitación paisaxística integral desta área do Río Bermaña, que terá plataforma única, dando prioridade á mobilidade peonil e ciclista.
Tamén se crearán espazos de calidade ambiental, con vexetación autóctona e mobiliario urbano, segundo consta na memoria do proxecto.
A zona na que se traballará abrangue a Rúa Río Bermaña, a praza Doutor Sesto Casal (na entrada posterior do mercado), o tramo sur da Rúa Campo da Torre ata o borde do muro do albergue de peregrinos, así como o tramo da beirarrúa norte da Rúa Juan Fuentes Echevarría e o paseo fluvial da marxe oeste da Rúa Porto do Río.
Entre as obras destacan as previstas na praza Doutor Sesto Casal, onde a zona fronte ao mercado conformará unha gran praza pavimentada en lousa de granito pola que se permitirá unha circulación moi restrinxida e velocidade limitada a 10 km/h.
Plantarase vexetación autóctona e ao tramo máis exterior do muro existente daráselle un tratamento de xardín vertical.
Doutra banda, a zona da ponte e a súa área máis inmediata serán un espazo de contemplación, que permite tráfico moi restrinxido na banda central, limitada por mobiliario e iluminación.
O alcalde Juan Manuel Rey destacou que proxectos como este demostran que "certamente o pobo está cambiado" e apuntou que "hai criterios obxectivos externos que nos están a dicir que imos polo bo camiño".
Pola súa banda, a presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou que tras estas obras a contorna do Bermaña, que abrangue unha superficie de 3.229 metros cadrados, será un "lugar de máis relevancia" para a veciñanza e para os visitantes que pasan por Caldas como lugar central do Camiño Portugués.
Relacionadas:
-
Caldas renovará a iluminación das pontes da Ferraría e a do Bermaña
Por Redacción |
-
Convocadas novas subvencións da ARI de Caldas de Reis
Por Redacción |
-
Caldas proxecta a humanización do Campo da Torre e as rúas San Roque e Gaioso
Por Redacción |
-
Case doce millóns investirá a Deputación en 2022 nos concellos da área de Pontevedra
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Medio millón dos fondos de reactivación da Deputación para humanizar a contorna do río Bermaña
Por Redacción |