Auga e pedra dan forma á nova imaxe de Pontevedra
Por Alejandro Espiño
A pedra, en referencia ás pontes e á antiga muralla medieval, e a auga, polo río Lérez, son dous elementos centrais da nova imaxe corporativa que estreou este xoves o Concello de Pontevedra e que, a partir de agora, identificará á cidade.
A ponte do Burgo, berce da Boa Vila, foi o simbólico lugar que elixiu o goberno municipal para presentar publicamente esta nova imaxe, deseñada pola compañía galega Cenlitrosmetrocadrado, gañadora do concurso convocado para renovar esta identidade gráfica.
Baixo a denominación Arria Oreta -auga e pedra na antiga xerga dos canteiros-, esta nova imaxe mantén a súa base de medio punto, semicircular, característica da maior parte de municipios de España e Portugal, segundo explicaron os seus responsables.
Na súa parte superior, a modo de coroa, represéntanse as pontes da cidade, limitadas por dúas formas verticais que simbolizan a antiga muralla medieval de Pontevedra; mentres que o seu elemento central son varias franxas onduladas que identifican a auga e o mar.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou na presentación que se trata dunha imaxe "moderna, clara e elegante", que servirá para "mellorar a comunicación cos veciños" e para identificar a Pontevedra como unha "cidade de vangarda" no exterior.
Pola súa banda, Tino Fernández, tenente de alcalde, apuntou que a do Lérez é unha cidade "que se transforma e que innova" e defendeu que debía "reinventarse" porque "Pontevedra crece e necesitamos modernizarnos" e esta imaxe "é un chanzo máis".
Ricardo Tubío, deseñador da empresa Cenlitrosmetrocadrado, sinalou que a súa proposta buscaba unha "evolución" con respecto ao actual pero "preservando os elementos identitarios" do municipio como son, entre outros, a pedra e a auga.
"Non queriamos plantexar unha revolución e introducir elementos novos, senón poñer en valor a historia da cidade e buscar unha linguaxe gráfica contemporánea", afirmou.
Así, a pedra fai referencia "ao construído, ao que permanece", mentres que a auga identifica "o que pasa, o que se move na cidade". A tipografía elixida, detallou Tubío, é "xeométrica e humanista" e destaca polos seus "trazos limpos".
Tratábase, engadiu, de optar por unha solución gráfica "simétrica" e que expresase "solidez e equilibrio". Para a creación desta imaxe, ademais, optouse polo azul (pantone 286) como cor primaria e polo "gris seixo" (pantone 7529).
Esta nova imaxe, que substituirá á "lentella" creada por Xosé María Torneé en 2002, será aos poucos visible en toda a cidade, comezando polas dependencias municipais e, a curto prazo, na sinalización de espazos públicos -rúas, prazas ou edificios singulares- de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra, finalista dos Premios Paraugas 2022
Por Redacción |
-
Así serán as novas placas de rúas e prazas do centro histórico
Por Alejandro Espiño |
-
Estudantes do IES A Xunqueira I deseñan novos carteis de benvida a Pontevedra
Por Redacción |
-
Seis monolitos darán a benvida a Pontevedra nas principais entradas á cidade
Por Alejandro Espiño |
-
A implantación da nova identidade corporativa do Concello cambiará o lema da fachada do pavillón municipal
Por Oskar Viéitez |
-
A empresa Cenlitrosmetrocadrado deseñará a nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra, na busca dunha nova imaxe para dar un "salto adiante" na súa proxección
Por Alejandro Espiño |
-
Catro expertos asesorarán na escolla da nova imaxe corporativa do Concello de Pontevedra
Por Redacción |