Covsa encargarase do mantemento das vías municipais de Bueu
Por Redacción
O Concello de Bueu continúa co plan de mantemento de vías municipais, no que se están levando a cabo reparacións dalgúns viais públicos das tres parroquias.
Félix Juncal, alcalde da vila e concelleiro de obras e servizos, salienta que "a pesar de que as condicións meteorolóxicas non deterioraron ultimamente demasiado os camiños da rede viaria municipal, si que tiñamos algúns pendentes algúns de finais do ano 2021", e por iso se contrataron estes traballos coa empresa Construcciones, Obras y Viales SA (COVSA), cun importe de preto de 15.000 euros.
As obras deste plan anual de mellora de acceso aos núcleos de poboación estase a complementar con outras actuacións como o pavimentado de varias rúas do casco urbano ou as do Camiño Vello da Graña.
Así mesmo, proximamente licitarase a mellora de firme e instalación dunha rede semafórica no cruce entre as rúas Johan Carballeira e Pazos Fontenla, e o goberno local está ultimando os proxectos de pavimentación de máis camiños municipais para incorporar ás subvencións do Plan Concellos 2022 da Deputación de Pontevedra e ao plan marco da AGADER.
O alcalde valora que "esta liña de traballo dos últimos anos do goberno local permite que a día de hoxe o estado de conservación das vías municipais mellorase considerablemente, aínda que queda traballo por facer".
O rexedor nacionalista aproveita a ocasión para requirir ao resto de administracións públicas, como a Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia, Portos de Galicia, e Deputación de Pontevedra, titulares doutras estradas na vila, para que acometan as melloras necesarias, demandas que lles trasladará nas próximas semanas.
"É necesario que as distintas administracións se encarguen de implementar as melloras e mantemento nas súas estradas, renovación da sinalización, medidas de seguridade vial, a poder ser, antes da tempada estival", apunta Juncal, quen xa avanza que "este ano agardamos contar coa mellora integral da rúa Pazos Fontenla, na PO-315, de titularidade autonómica".
Relacionadas:
-
Reordenan a rúa Johan Carballeira con semáforos para acabar cos atascos
Por Redacción |
-
Bueu solicita unha subvención para asfaltar dous camiños en Montemogos
Por Redacción |
-
Comezaron as obras no Camiño Vello da Graña
Por Redacción |
-
Félix Juncal comprométese cos taxistas de Bueu a resolver os problemas de tráfico nos días de mercado
Por Redacción |