Reordenan a rúa Johan Carballeira con semáforos para acabar cos atascos
Por Redacción
O goberno municipal de Bueu quere acabar cos atascos que se rexistran na vila, especialmente durante o verán, nunha das rúas máis transitadas: Johan Carballeira.
Así, sacou a licitación un proxecto para a rehabilitación e a semaforización da rúa, co obxectivo de mellorar a mobilidade e ordenar o acceso dos coches.
Esta actuación pretende regular a intersección en cruz da PO-315 coa rúa Johan Carballeira coa instalación de semáforos e rehabilitar e mellorar o firme da propia rúa no tramo comprendido entre a estrada autonómica e a rúa Montero Ríos, cuxo estado de conservación non é óptimo.
Esta rúa foi obxecto de múltiples arranxos nos últimos anos debido ao gran fluxo de vehículos que soporta, ao coincidir o tránsito cara a urbanización das Lagoas ou cara equipamentos municipais como a piscina, así como ser a principal conexión coa céntrica rúa Pazos Fontenla.
Esta situación agrávase durante o verán, pois moitísimas persoas acceden a través desta vía á praias e outros espazos turísticos, polo que con esta rede semafórica o que se pretende é ordenar os fluxos de vehículos e eliminar os embotellamentos.
Neste proxecto, Bueu prevé investir algo máis de 115.000 euros, que serán financiados con cargo ao Plan Concellos 2021 da Deputación de Pontevedra.
Relacionadas:
-
A rúa Johán Carballeira de Bueu estreará os novos semáforos a finais de xuño
Por Redacción |
-
A brigada de obras de Bueu está a traballar no parque da Chadiza, os areais e a contorna do lavadoiro da Portela
Por Redacción |
-
O departamento de Urbanismo de Bueu simplifica os trámites á cidadanía
Por Redacción |
-
Covsa encargarase do mantemento das vías municipais de Bueu
Por Redacción |
-
Félix Juncal comprométese cos taxistas de Bueu a resolver os problemas de tráfico nos días de mercado
Por Redacción |