A Deputación de Pontevedra, entre as cinco máis transparentes de España
Por Alejandro Espiño
Unha das administracións máis transparentes de España é a Deputación de Pontevedra. Así o certifica o índice de transparencia que elabora anualmente a consultora Dyntra.
A de Pontevedra ocupa o quinto lugar na clasificación creada a partir do resultado dos estudos realizados entre todos os gobernos provinciais. Só a superan as de Barcelona, Málaga, Granada e Ourense, esta última a que mellor puntuación obtén.
En concreto, Dyntra outorga ao executivo que preside Carmela Silva un índice de transparencia do 81,48% sobre un total de cen. Mellora así case 7 puntos, xa que no último estudo, realizado en 2020, conseguira un 74,6%.
Dentro dos parámetros analizados, a Deputación de Pontevedra obtén os seus mellores resultados na área de acceso á información e publicidade activa (86,49%), que agrupa todo o relativo á comunicación pública e á administración electrónica.
En servizos e apoio aos municipios (84,62%) e na transparencia económico-financeira (84,38%), o goberno provincial pontevedrés tamén aproba con nota alta.
A barreira do 80% supérana ademais as áreas de transparencia institucional (81,08%), que afecta á estrutura e organización do propio goberno; e a de contratacións de servizos (80%). Nesta última, logra o 100% nos procedementos de contratación.
Iso si, a Deputación parece ter unha área clara na que mellorar. Trátase do ámbito de participación e colaboración cidadá, que queda nun 63,16%, principalmente por non abrir un proceso de participación na elaboración dos seus orzamentos anuais.
Relacionadas:
-
A Deputación porá en marcha novas medidas para impulsar a transparencia
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Carmela Silva, a presidenta provincial máis transparente de toda España
Por Redacción |
-
O Tribunal de Contas aplaude a implantación da administración electrónica realizada pola Deputación provincial
Por Redacción |
-
A Deputación reparte 26 millóns de remanentes entre todas as áreas de goberno e para a xestión de fondos europeos
Por Oskar Viéitez |
-
A Deputación estrea web "máis sinxela, intuitiva e accesible"
Por Mónica Patxot & María José Pita |