35.000 persoas pasaron esta fin de semana pola carpa de 'O Mellor da Terra'
Por Redacción
A II Feira de Alimentación de Produtos Naturais, Ecolóxicos e de Proximidade 'O Mellor da Terra', bateu o récord de asistencia do pasado ano. Esta fin de semana foron unhas 35.000 persoas (5.000 máis que na primeira edición) as que pasaron pola carpa de 50 metros instalada na Praza de España, segundo os datos oficiais ofrecidos pola organización.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, valorou esta feira como "un rotundo éxito tanto no que atinxe á facturación dos 37 expositores participantes como no que se refire a número de visitantes".
Segundo a concelleira, o evento feiral presentou así os avais para a súa continuidade en futuras edicións dentro da programación anual do Concello.
"Xa desde o venres a mediodía, cando comezabamos o paseo inaugural polos postos e a carpa levaba apenas unha hora aberta, podiamos comprobar que o fluxo de xente era constante e que había moita xente mercando. E diso se trataba, de que se achegasen para ver e degustar produto do noso, local, de proximidade, galego e da comarca. Os organizadores están contentísimos de que se tivese superado con creces a cifra do ano pasado e iso indícanos que temos que comezar a traballar xa nunha terceira edición da feira O Mellor da Terra", asegura a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco.
Tal e como subliña a edil socialista, "é evidente que a cidadanía de Pontevedra resposta sempre a este tipo de eventos e que lles encantan, e tamén que o emprazamento na Praza de España, nunha carpa como esta, é inmellorable e axuda a que a xente deguste e merque".
Para Blanco, "é fundamental que axudemos aos nosos pequenos produtores, que non sempre poden chegar ao circuíto das grandes cadeas de alimentación, e esta feira é unha forma de visibilizarse e darse a coñecer".
"Estou moi contenta co resultando e iso anímame a seguir traballando xa para a seguinte edición", afirma a concelleira.