Os plenos serán no Pazo Provincial ata completar a reforma do Principal
Por Alejandro Espiño
As obras de reforma que se están realizando no Teatro Principal obrigaron ao Concello a buscar un escenario alternativo para poder celebrar os seus plenos. E, tras o estudo de diversas alternativas, o lugar elixido foi o Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra.
Desde o goberno municipal agradecen a "disposición" do executivo provincial, especialmente da súa titular, Carmela Silva, para acoller á corporación pontevedresa no Pazo Provincial ata que finalicen os traballos no Principal.
Os servizos técnicos de ambas as institucións atópanse xa analizando as necesidades que terá o Concello para celebrar os plenos neste novo espazo, aínda que moitas delas serán resoltas polos propios protocolos que rexen os plenos provinciais.
Así, do mesmo xeito que nas sesións plenarias da Deputación, non se permitirá o acceso de público e a distribución dos concelleiros nos asentos dos deputados será similar.
Ademais, ata que os plenos municipais regresen ao Principal suspenderase o servizo de tradución a lingua de signos. Iso si, manterase a retransmisión por streaming e os tempos das intervencións serán as reguladas polo propio Concello.
Será o vindeiro luns 14 de febreiro cando se estree esta localización temporal para os plenos da corporación municipal de Pontevedra. Haberá dúas sesións, a ordinaria do mes de febreiro e a extraordinaria para a aprobación definitiva do orzamento para 2022.
Esta última sesión será posible despois do informe dos servizos contables do Concello, que desestimaron as seis alegacións presentadas contra as contas deste ano, asinadas polos sindicatos CC.OO, UGT, CIG, Afumpo, CSIF e SPPME.
Ningunha delas, segundo a intervención municipal cumpre cos supostos taxados que recolle a lei para presentar alegacións aos orzamentos.
Relacionadas:
-
O Pazo Provincial dá a benvida á corporación municipal de Pontevedra no seu primeiro pleno no 'exilio'
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A finalización da reforma do Teatro Principal está prevista para antes do verán
Por Raquel Currás Martínez |
-
A mellora do Teatro Principal obriga a trasladar as actividades programadas a outros espazos
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido |