Feijóo fala co alcalde de Vilanova de Arousa da posible construción dun talaso con Fondos Next Generation
Por Redacción
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, abordou este luns co alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, a planificación e posibles inversións neste concello para os vindeiros anos, con proxectos como a construción dun centro de talasoterapia que se executará unha vez que se dispoña dos fondos europeos Next Generation.
O futuro centro xa conta cos terreos necesarios, situados ao lado da Estación Marítima, e co proxecto básico que consistiría nunha piscina con auga de mar e nun balneario.
Na xuntanza celebrada en San Caetano, o titular do Executivo galego e o rexedor vilanovés tamén abordaron as actuacións para seguir completando a nova senda peonil na PO-549 ao seu paso por Corón, así como para reparar e renovar as beirarrúas nos treitos que presentan algún deterioro. Tamén falaron do proxecto para construír outra senda peonil na marxe dereita da PO-302 e PO-305, un proxecto valorado en máis de un millón de euros.
Aínda en materia de Infraestruturas, plantexouse a posibilidade de facer a senda do río Currás, na parroquia de Caleiro, que partiría desde os muíños de Currás, restaurados recentemente polo concello, e seguiría pola beira do río aproveitando un antigo camino que usan habitualmente os veciños para achegarse ao centro de Vilanova.
Finalmente, tamén abordaron a situación do sector mexilloeiro, co ánimo de seguir apostando polo diálogo que permita acadar unha solución axeitada para os sectores implicados.