Caldas restaura a placa de mármore do século XIX da Praza Arcebispo Martín de Herrera
Por Redacción
Desde 1891, unha placa de mármore identifica a Praza do Arcebispo Martín de Herrera, pero o seu estado de conservación non é o máis axeitado. Agora, o Concello de Caldas restaurará este elemento para poñer en valor a historia da vila e a igrexa de San Tomé Becket.
Trátase dunha placa de mármore branco tallado con gravado que ten un marco de mármore gris cun remate superior no centro coa data de realización. Os surcos do gravado revelan que orixinalmente as letras poderían estar pintadas, igual que o adorno perimetral e a data.
Este elemento histórico presenta actualmente diversas fracturas, degradacións e sucidade adherida e ademais perdeu os remates de bronce.
De aí que o goberno municipal ordenara iniciar un proceso de restauración, que acometerá un taller especializado, para restituír a concepción estética da peza e a súa estabilidade estrutural.
Os traballos xa foron autorizados pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia e tamén foi informado o propio Arcebispado.
Segundo consta no arquivo municipal, o Concello decidiu encargar esta placa o día 1 de novembro de 1891, nunha sesión plenaria presidida polo alcalde Antonio Román López, para manter a memoria do arcebispo de Santiago pola súa contribución á construción da nova igrexa, nas obras iniciadas un ano antes e que concluirían no 1894.
O arcebispo Martín de Herrera foi un dos máximos impulsores do rexurdimento moderno das peregrinacións multitudinarias a Santiago durante o seu longo mandato entre 1889 e 1922.
Relacionadas:
-
O Concello de Caldas restaurará o mausoleo dedicado ao alcalde Antonio Román López
Por Redacción |
-
A restauración da plazuela de Caldas porá en valor o proxecto de Jenaro de la Fuente de 1896
Por Redacción |
-
Caldas lembrará o 850 aniversario do asasinato do arcebispo de Canterbury e mellorará a súa igrexa, Santo Tomás
Por Redacción |