A restauración da plazuela de Caldas porá en valor o proxecto de Jenaro de la Fuente de 1896
Por Redacción
O Concello de Caldas de Reis xa conta co proxecto de restauración do límite perimetral da Praza Martín de Herrera, coñecida popularmente coma a "plazuela" e históricamente coma "plazuela de la iglesia", por estar nesa ubicación a primitiva igrexa dedicada a Santo Tomás Becket.
O proxecto de restauración foi redactado polo arquitecto Luis Gil Pita, cunha subvención de 4.041 euros outorgada pola Deputación de Pontevedra, na súa liña para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural dos concellos da provincia.
O investimento previsto no proxecto ascende a 48.886 euros.
O proxecto de restauración prevé tarefas especializadas de reparación da cantería coa restauración das estruturas ou machóns que o modulan en granito, restituirase o valado perimetral en forxa e recuperarase a iluminación na súa posición e farois similares aos orixinais, para levar o conxunto a un estado arquitectónico similar ao orixinal.
Con esta actuación poñerase en valor unha obra deseñada por Jenaro de la Fuente no ano 1896 e executada ese mesmo ano. O proxecto orixinal consérvase no Arquivo Histórico Municipal.
Caldas conta con varios edificios deste recoñecido arquitecto como son o Balneario Acuña, a casa de Laureano Salgado e a Villa Augusta, entre outros.
Jenaro de la Fuente Domínguez naceu en Valladolid en 1851 e trasladouse a Vigo en 1874 onde exerceu como arquitecto municipal. Na súa destacada traxectoria deixou unha forte pegada na cidade olívica onde é artífice do ensanche vigués e pai de máis de 80 edificios da cidade de arquitectura ecléctica. Tamén son proxectos seus o gran hotel do Balneario de Mondariz, o Pazo de Lourizán, ou a Casa do Concello de Gondomar, entre outros.
A proposta de restauración do borde da Praza Martín de Herrera, no centro urbano de Caldas, reforza a estratexia municipal de arranxos e restauracións dos espazos e elementos patrimoniais colindantes co Camiño Portugués no seu percorrido por Caldas.
Así foron as restauracións das fontes da Burga, das Palmeiras, do Mercado, do Campo da Torre e de Tivo, entre outras obras promovidas polo Concello e tamén no marco da área de rehabilitación integral.
Relacionadas:
-
Un orzamento de 100.000 euros para rehabilitar e volver sostibles as casas de Caldas
Por Redacción |
-
Caldas restaura a placa de mármore do século XIX da Praza Arcebispo Martín de Herrera
Por Redacción |
-
Caldas vai a restaurar o conxunto histórico da Praza Martín de Herrera
Por Redacción |
-
Caldas lembrará o 850 aniversario do asasinato do arcebispo de Canterbury e mellorará a súa igrexa, Santo Tomás
Por Redacción |