Férrea marcaxe ás colonias de gatos rueiros por parte do Concello de Poio
Por Redacción
O Concello de Poio, a través da Concellería de Medio Ambiente, puxo o foco durante o ano pasado na posta en marcha de iniciativas pensadas para garantir a localización e o control das colonias de gatos que existen en diferentes puntos do municipio. O titular deste departamento, o nacionalista Xosé Luís Martínez, explica que ao longo de 2021 leváronse a cabo tarefas de esterilización e castración en oito puntos diferentes da localidade.
“Practicamente actuamos en todas as parroquias, logo de detectar estas colonias, grazas á colaboración cidadá e tamén a implicación de colectivos que están moi sensibilizados con este tema, como é Bigotes Felinos”, indica o integrante do Goberno local.
Deste xeito, a Concellería de Medio Ambiente levou a cabo estas tarefas de control das colonias en Antelo e Mariño, Valiña, A Ucha de Abaixo, Camiño da Bouza, Portablanquiña, Casalvito, Raxó e nas inmediacións do casco histórico de Combarro. Neste último emprazamento, Martínez Blanco recoñece que “haberá que seguir actuando, dado o elevado número de exemplares localizados”. O concelleiro nacionalista explica que “é difícil realizar unha estimación exacta da cantidade de animais esterilizados, pero calculamos que pode estar preto dos 300”.
Como exemplo, Martínez Blanco menciona a exitosa campaña de esterilización que se levou a cabo durante o pasado mes de novembro en Poio, impulsada pola agrupación ‘Castro, luego existo’, e que contou coa colaboración do Concello. A través desta iniciativa, que ofrecía á cidadanía a opción de acometer a esterilización das súas mascotas a prezo baixo e sen custes de transporte ou captura, controláronse máis de 100 gatos.
O responsable da área de Medio Ambiente entende que esta folla de ruta debe manterse, xa que “é indispensable consolidar un control rigoroso das colonias de gatos”, polo que insiste na necesidade de que a veciñanza se implique, ben sexa esterilizando as súas mascotas ou poñéndose en contacto co departamento municipal no caso de detectar unha colonia en zonas públicas.
Con respecto ao labor que desenvolve Bigotes Felinos, Xosé Luís Martínez fixo fincapé no “traballo altruísta” que desenvolven as persoas que forman parte desta asociación. “Grazas a todas elas son preto dun cento os animais abandonados que atoparon unha nova familia”, indicou, en referencia ás adopcións acadadas durante 2021. Neste sentido, o concelleiro poiense recalca a necesidade de “informar, educar e concienciar” á cidadanía á hora de loitar contra “unha lacra como é o maltrato e o abandono de animais”.