Os ravacholiños estrean caixas que contan a historia do popular papagaio
Por Mónica Patxot & María José Pita
Nacidos hai un ano, os ravacholiños reinvéntanse nunha nova caixa que recolle a historia do popular papagaio. Ravachol dálle nome a estes doces que se preparan na xeadería Stromboli de Pontevedra, situada no lugar que ocupaba a botica de Perfecto Feijoo, o "pai" do papagaio, en Michelena número 1, e que foi derruída en 1947 para ensanchar a rúa.
"Son seis caixas diferentes deseñadas pola artista Ana Seoane e os textos elaborounos Eduardo Esteban, da Farmacia Esteban, un coñecedor da historia de Pontevedra", sinalaba Rubén Rodríguez, o dono da tenda e creador destes minicroissants de manteiga con distintas coberturas de chocolate con leite, negro e branco "e un secreto especial que lle dá sabor e que non se pode contar".
Rodríguez explica que as caixas conteñen unha historia común, en galego e castelán, impresa na lapela interior, e seis deseños diferentes, onde varía tanto a anécdota que se conta no lateral exterior da caixa como a ilustración de Ravachol, na que destaca a adicada ao Entroido. O propio creador destes doces afirma que de todas as historias que recolleu Eduardo Esteban o que máis lle sorprendeu é saber o gran número de personalidades que pasaran pola botica, como Emilia Pardo Bazán, Pérez Galdós ou Unamuno.
"As ilustracións van dependendo das épocas do ano. O Entroido, evidentemente porque é o tempo de Ravachol, pero tamén Ravachol en parella, nadal, primavera, cumpreanos, e como está situado no Camiño de Santiago non podía faltar a referencia ao Xacobeo", apuntaba a deseñadora Ana Seoane.
A HISTORIA IMPRESA NA CAIXA
"O papagaio Ravachol é a figura máis emblemática e internacional da cidade de Pontevedra. Foi un papagaio propiedade do ilustre farmacéutico D. Perfecto Feijoo Poncet, titular da Botica da Peregrina, que se atopaba neste mesmo lugar. Ravachol chega a Pontevedra no ano 1892, como agasallo dun rexemento militar ao boticario, e é bautizado co nome do anarquista que sementaba o pánico naqueles días en Francia, o dinamiteiro Francois Ravachol, o que dá unha idea do carácter alborotador e irreverente da ave".
Deste xeito ilústrase o inicio da historia de Ravachol que recolleu o farmacéutico e cronista Eduardo Esteban Meruéndano, con citas de José Luis Calle e a súa obra 'Aires da terra, a poesía musical de Galicia'. Esteban destaca as moitas anécdotas do papagaio e a súa capacidade para reproducir frases e sons que creaban situacións moi cómicas.
O papagaio era un reclamo na céntrica botica e mesmo se lle fixo un ritual fúnebre á súa morte en 1913, ocorrida o luns de Entroido. Actualmente, a recreación do enterro de Ravachol pon o final ao Entroido de Pontevedra.