O BNG leva ao Parlamento a situación vivida no PAC da Parda o domingo: un só médico para 106 pacientes e 5 saídas
Por Redacción
O BNG rexistrou un conxunto de iniciativas no Parlamento de Galicia para denunciar a situación que están a sufrir os centros de atención primaria e os PAC galegos e para demandar á Xunta que se reforcen estes servizos con máis persoal e así evitar situacións como a creada o pasado domingo no PAC da Parda, onde un médico tivo que asumir só unha garda de 14 horas con 106 pacientes.
O deputado nacionalista Luís Bará denunciou que na área de Pontevedra, como no resto da comunidade, hai un "deterioro da atención primaria" que se debe á redución de persoal e á degradación das condicións laborais.
Os PAC son "un dos ámbitos máis maltratados", pois están sometidos a unha forte presión asistencial e a unhas condicións laborais extremas e as denuncias do persoal dos PAC e as queixas dos pacientes son "continuas".
Para o BNG, o ocorrido o pasado domingo 6 de febreiro na Parda "é moi grave" e unha mostra clara dunha situación que se vén dando de maneira habitual dos PAC da área de Pontevedra e en toda a comunidade. Nesa xornada, na Parda no canto dos tres facultativos que deberían atender o servizo só estivo un, que atendeu 106 persoas entre atención presencial e telefónica e efectuou cinco saídas para atender a pacientes a domicilio.
Ademais da saturación, retrasos e desatención sufrida polas persoas que acudiron ao centro de saúde da Parda, o BNG denuncia as condicións de "explotación laboral" do persoal.
As iniciativas presentadas no Parlamento en forma de proposición non de lei e preguntas ao goberno reclaman que a Xerencia da área sanitaria de Pontevedra e O Salnés e o Sergas adopten de maneira urxente medidas para evitar unha situación tan grave como a descrita, que "nin é casual nin é específica de Pontevedra senón que se produce de maneira habitual" en toda Galicia.