Axentes da Garda Civil interveñen unha partida de máis de 50 quilos de marisco ilegal no Grove
Por Redacción
Máis de 50 quilos de distintas especies de marisco eran interceptados durante a fin de semana cando circulaban de maneira ilegal por estrada no municipio do Grove.
A intervención realizábase cando axentes da Garda Civil pertencentes á Patrulla do Seprona de Pontevedra mantiñan un punto de comprobación de vehículos en colaboración co servizo de Gardacostas da Xunta de Galicia. O control atopábase na estrada PO-316.
Un dos vehículos parado transportaba 52 quilos de bois de mar, tamén 4,35 kg. de lumbrigante e 0,45 kg. de lagosta. Durante a inspección, os axentes comprobaron que o condutor carecía de documentación que acreditase a orixe e a trazabilidade do marisco. Ao non poder amparar legalmente o transporte, o condutor foi denunciado ante a Delegación Provincial da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, por infrinxir a Lei de Pesca de Galicia.
O transportista denunciado é un veciño de Sanxenxo, de 43 anos de idade. O marisco intervido foi entregado baixo recibo nun centro benéfico de Pontevedra.
A actuación englóbase no marco do Plan Anual de Control Integral de Actividades Pesqueiras (PACIAP), que regula o cumprimento das disposicións da política pesqueira comunitaria e a normativa sectorial vixente. Entre os seus obxectivos atópase a loita contra a pesca ilegal non declarada e non regulamentada, segundo informan desde a Garda Civil.