A longa espera das familias: "Falei con el ás seis da tarde, díxome que me ía a chamar á unha e xa non se puido"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot
Carolina chora desconsolada, un familiar a suxeita para evitar que se desvaneza, pero, tras permanecer varios minutos na sede da empresa armadora Pesquerías Nores, a dor supéraa e apenas pode falar. É o rostro da desesperación e, a través dela, pódese saber como se están vivindo estes duros momentos en Marín. A súa é a viva imaxe de como a ausencia de novas vai debastando ás familias dos 21 tripulantes falecidos ou desaparecidos no 'Villa de Pitanxo', todas excepto as dos tres que apareceron con vida.
No seu caso, chora pola falta de noticias sobre o seu marido, Jonathan Calderón, de 39 anos, e con quen ten dous fillos de 10 e 16. Naturais de Perú, levan anos en Marín, e el 22 traballando na mesma empresa armadora. Os últimos 12 traballou neste mesmo barco que agora desapareceu nas augas de Terranova, no que é contramaestre.
A gran experiencia de Jonathan no mar tamén a ten Carolina en terra, esperando. E permítelle saber cando fai mala mar en Terranova. O luns 14, último día que falou con el, non lle deu a sensación que fose dos peores.
"Non había malas condicións porque cando hai malas condicións eu escoito e xa coñezo ese son e pregúntolle ao meu esposo", asegura. O luns el si lle dixo que "facía moito frío".
Puido falar con el pouco menos de doce horas antes do naufraxio, ás seis da tarde. "Falei con el ás seis e cuarto da tarde, de antonte, e despois díxome que me ía a chamar á unha e xa non se puido", lamenta, sobre unha chamada que nunca se produciu, previsiblemente porque nese momento, de madrugada xa, si empeorara o mar.
Si sabe que se conectou ás 4.35 horas da madrugada, pero non falaron. "A esa hora supostamente foi o episodio ese", lamenta.
Tras falar coa armadora, lamenta a falta de noticias, pero entende o complicado da situación. "Están a centrarse nos barcos, están a xestionalo eles", indica.
Tampouco quere entrar en polémicas e posibles causas do ocorrido, non é o momento. "Grazas a deus hai tres persoas que están con vida e, cando veñan, darán as respectivas explicacións". Agora tan só quere ter respostas a outras dúas preguntas: O seu marido faleceu? e, se é así, Poderase recuperar o seu corpo?.
Como ela, durante toda a mañá deste mércores foron pasando pola sede da armadora no centro de Marín moitos familiares e amigos dos tripulantes do barco, todos con aspecto similar, moitos desbordados pola situación e pola cantidade de medios de comunicación que se concentran ás portas da empresa, un dos epicentros informativos da maior traxedia marítima que se lembra en Marín.
Relacionadas:
-
Un erro no reconto rebaixa a nove os falecidos "oficiais" do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
Todo apunta ás "malas condicións" do mar como causa do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
O terceiro sobrevivente do naufraxio é de Ghana e reside en Marín
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Loito, minutos de silencio e bandeiras a medio mastro en homenaxe ás vítimas do "Villa de Pitanxo"
Por Redacción | Creada e actualizada