Chelo Besada pon fin á súa carreira política e cede a súa acta de edil en Poio a Julio Casás
Por Redacción
A ata o de agora tenente de alcalde de Poio e concelleira de Obras, Servizos, Pesca e Marisqueo, Chelo Besada, retírase da política activa.
A socialista anunciou este mércores a súa marcha "por motivos persoais e familiares", poñendo fin a unha traxectoria que comezou en 1995 cando se presentou por primeira vez á alcaldía polas siglas do PSdeG-PSOE.
A súa renuncia oficializouse nun acto celebrado no Casal de Ferreirós en compañía do secretario xeral provincial dos socialistas, David Regades, dos edís Gregorio Agís e Rosa Fernández, e tamén de quen será o seu substituto na corporación municipal, Julio Casás, actual secretario xeral da agrupación local do PSOE.
"Levo 16 anos sen apagar o teléfono", sinalou a política considerándose pola súa traxectoria como "unha muller moi afortunada", xa que "aínda que a miña veciñanza non me fixo alcaldesa si me permitiu sacar adiante moitos proxectos para Poio".
Besada ocupou o posto de concelleira de Servizos Sociais, Muller e Xuventude entre 1995 e 1999, e permaneceu na oposición desde ese último ano ata 2003. Por outra banda desde 2007 responsabilizouse da tenencia de alcaldía local. Ademais ocupou un posto de responsabilidade no goberno provincial.
Durante todos estes anos, sinalaron na súa despedida, conseguíronse executar proxectos como as sendas litorais, a subida ao Mosteiro, os parques de Lourido e Ancar, a urbanización e construción de beirarrúas na Caeira, as humanizacións de núcleos de centralidade rural ou a mellora da rede de sanemiento, o que en palabras do seu compañeiro Gregortio Agís demostra que foi "a mellor concelleira da historia democrática de Poio".
O novo concelleiro socialista, Julio Casás, concluíu o acto recoñecendo a dificultade que supón substituír a Chelo Besada porque "o listón queda moi alto", polo que prometeu "traballo, traballo e traballo".
CRÍTICAS DO PP LOCAL
O Partido Popular de Poio non tardou en valorar a saída da tenente de alcalde, asegurando desconfiar "que toda esta manobra esconda unha estratexia política pensando nas próximas eleccións", sinala a formación nun comunicado.
No mesmo o portavoz local dos populares, Ángel Moldes, deséxalle "o mellor e os mellores éxitos na súa vida persoal" a Besada aínda que defendendo que "se as cousas funcionasen ben no tripartito non existirían dimisións".
Relacionadas:
-
Gregorio Agís, presentado como candidato do PSOE en Poio: "Queremos a alcaldía"
Por Diego Espiño |
-
O socialismo pontevedrés réndese ante a traxectoria e labor de Chelo Besada
Por Redacción |
-
Julio Casás asume a concellería de Obras e Servizos Municipais
Por Oskar Viéitez |
-
Chelo Besada pon fin a súas dúas décadas de carreira política nun emotivo pleno de despedida
Por Redacción |