Julio Casás asume a concellería de Obras e Servizos Municipais
Por Oskar Viéitez
O socialista Julio Casás tomou este martes a acta de concelleiro na corporación de Poio en substitución de Chelo Besada, que en febreiro anunciou a súa retirada da vida política por motivos persoais.
Casás se integra no goberno local asumindo os departamentos municipais que dirixía a ex tenente de alcalde: as áreas de Obras, Servizos Municipais e Pesca e Marisqueo, cunha dedicación parcial, polo que queda liberada media dedicación.
Julio Casás asegurou que "comezo esta etapa cunha gran ilusión e sendo perfectamente consciente de o que listón deixado por Chelo está moi alto. Chego ao Concello coa humildade de quen se estrea como concelleiro nunha institución pública, pero co compromiso e a responsabilidade de responder ás demandas que precise a cidadanía".
O concelleiro do goberno municipal afirmou que chega ao Concello "co ánimo de manter ese nivel" e garantiu que desde o primeiro momento "xa estou a disposición da veciñanza para todo o que precisen".
Pola súa banda, o alcalde, Luciano Sobral, deu a benvida ao novo integrante do equipo de goberno, a quen desexou sorte nesta nova etapa e de quen se mostrou convencido de que "realizará un gran traballo nos departamentos que coordinará".
Julio Casás amosou, ademais, o seu agradecemento pola confianza e as mensaxes de apoio "que me chegaron dos meus compañeiros e compañeiras" e aposta por "traballo, traballo e máis traballo" para "garantir que a Concellería de Obras e Servizos continúe funcionando ao máximo rendemento, para garantir o benestar e a calidade de vida da nosa veciñanza".
Neste sentido, Casás tamén quixo agradecer o esforzo realizado polo persoal municipal ao longo destas semanas que pasaron entre a marcha de Chelo Besada e a súa chegada. "Continuaron a facer un gran traballo nun contexto difícil e iso hai que poñelo en valor", indicou.
Por último, o novo concelleiro poiense tivo unhas palabras dirixidas a Chelo Besada, a quen agradeceu "tantos anos de dedicación" e o feito "de ser un referente tanto a nivel político como persoal".
Relacionadas:
-
O alcalde de Poio dá positivo en covid-19
Por Oskar Viéitez |
-
Julio Casás continuará a liderar a executiva local do PSOE en Poio
Por Redacción |
-
Chelo Besada pon fin a súas dúas décadas de carreira política nun emotivo pleno de despedida
Por Redacción |
-
Chelo Besada pon fin á súa carreira política e cede a súa acta de edil en Poio a Julio Casás
Por Redacción |