Julio Casás continuará a liderar a executiva local do PSOE en Poio
Por Redacción
O PSdeG-PSOE de Poio celebrou esta semana unha asemblea local para tratar a configuración da nova executiva local, de cara ao traballo a realizar nos vindeiros catro anos. Julio Casás Barral foi elixido por unanimidade secretario xeral, revalidando así o cargo que xa viña ostentando nos últimos anos.
Deste xeito, Julio Casás compaxinará este labor coa súa nova faceta de concelleiro responsable de Obras e Servizos Municipais no Concello, cargo que asumirá este mes de marzo cunha dedicación parcial.
Ademais de Casás, na executiva tamén figuran o voceiro socialista e concelleiro de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, que asume a secretaría de política municipal e estratexia e Miguel Ángel Martínez, que será o secretario de organización.
Tamén formarán parte da directiva a edil de Servizos Sociais, Rosa Fernández, Manuel Pérez, Pedro Soto e Chelo Besada.
Os socialistas destacan que "esta é unha executiva reforzada de consenso, e de integración", que afronta "con plenas garantías o inminente proceso electoral que desembocará nos comicios da primavera de 2023".
Neste senso, o PSdeG-PSOE amósase ambicioso e aposta pola Alcaldía, grazas ao "proxecto ilusionante e de futuro" no que se atopa inmerso. "Un proxecto que contempla un concello para todos, comprometido coa nosa veciñanza e o noso territorio e pensado para seguir mellorando a calidade de vida dos e das poienses".
Desde o PSOE lembran que na actualidade "somos os que desde as áreas que xestionamos no goberno local estamos a impulsar todos os grandes proxectos e actuacións transformadoras do municipio", como é o caso da apertura da illa de Tambo, da depuración de Raxó e Samieira, da transformación dos núcleos rurais e das obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade sostible, ademais da reforma do Pazo de Besada.