Combarro estrea logotipo para conmemorar os seus 50 anos como Conxunto Histórico
Por Redacción
O alcalde de Poio, Luciano Sobral, vén de presentar o logotipo deseñado expresamente polo Concello para a conmemoración dos 50 anos que se cumpren neste 2022 desde a declaración do núcleo de Combarro como Conxunto Histórico, un feito que tivo lugar o 30 de novembro de 1972. Para celebrar unha data tan sinalada, desde os diferentes departamentos da Administración municipal se impulsarán e desenvolverán diferentes actuacións, programas, actividades e iniciativas ao longo deste ano.
O rexedor estivo acompañado polas concelleiras Raquel Rodríguez (Cultura e Educación), Marga Caldas (Memoria Histórica, Seguridade Cidadá e Deportes) e Silvia Díaz (Turismo, Participación Veciñal e Transparencia).
O novo logotipo estará visible nas iniciativas, programas e citas que organice o Concello ao longo dos vindeiros meses. Trátase dun deseño que transmite a esencia do patrimonio de Combarro, cunha tipografía que se pode identificar cos elementos arquitectónicos máis tradicionais deste emblemático espazo, como son as pallozas ou os soportais.
O deseño tamén está inspirado na figura de Castelao e aproveita o ‘cero’ do 50, en referencia aos anos pasados desde a declaración de 1972, para utilizalo, ao mesmo tempo, como a ‘C’ de Combarro, o que reforza o vínculo entre a data e o núcleo da localidade. Ademais, incluíuse tamén un símbolo a modo de onda mariña, xa que, tal e como lembra o alcalde, “non podemos entender a historia desta parroquia sen ter en conta a súa tradición e vinculación co mar”.
Será o vindeiro 30 de novembro cando se cumpran exactamente estas ‘vodas de ouro’ do histórico nomeamento. O Concello traballa na posta en marcha de iniciativas para continuar mellorando, poñendo en valor e dando a coñecer un dos enclaves de referencia do municipio, tanto a nivel de historia e tradición como desde o punto de vista de atractivo turístico.
Precisamente, na Comisión de Cultura deste mércores procedeuse á aprobación do expediente da declaración destes 50 anos, un asunto que tamén será levado ao Pleno ordinario de febreiro, que se celebrará o vindeiro martes, día 22 (19.30 horas).
Relacionadas:
-
O grupo de clarinetes do conservatorio de Vilagarcía actúa este domingo na Praza da Chousa
Por Redacción |
-
Combarro quenta motores para celebrar medio século como conxunto histórico
Por Redacción |
-
Un erro no reconto rebaixa a nove os falecidos "oficiais" do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
Combarro celebra medio século sendo Conxunto Histórico e o Concello quere ensinar ao mundo a súa historia e tradición
Por Redacción |
-
Combarro, pobo máxico de España
Por Redacción |