Benestar Social activa un sistema que permitirá notificar as citas por SMS aos usuarios de Servizos Sociais
Por Redacción
Ao tempo que comeza a dar os seus primeiros pasos para a implantación da Historia Social Única Electrónica (HUSE), a concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, continúa a actualizarse dixitalmente e a poñer en funcionamento aplicacións que axilizarán de xeito moi notable os trámites administrativos que se realizan na sede do Chalé de Fontoira.
Segundo anuncia o propio Marcos Rey, o seu departamento acaba de activar "un sistema telefónico de notificación que permitirá avisar das súas citas mediante SMS aos usuarios dos Servizos Sociais Municipais. Deste xeito, os usuarios recibirán nos seus móbiles unha mensaxe na que se lles informará do día e a hora da súa cita e a UTS (Unidade de Traballo Social) que lles corresponde".
Tal e como lembrou Marcos Rey, a HSUE facilita un acceso integral e inmediato ao conxunto de información e documentos en formato electrónico dos datos, valoracións e informacións sobre a situación e evolución das persoas usuarias do sistema galego de servizos sociais, así como a identificación dos profesionais e dos servizos ou prestacións..
A plataforma desenvolvida pola Xunta e a Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) permite que as traballadoras sociais introduzan datos e obteñan información sanitaria, laboral e social, o que lles axudará a trazar o perfil social dunha persoa e elaborar dun xeito áxil e eficaz os correspondentes informes.
A ferramenta permite que os profesionais dos servizos sociais dispoñan dunha visión global e integrada de toda a información social do usuario, que terá tamén máis sinxelo o acceso ao seu expediente, e facilita a coordinación entre todos os axentes que participan na prestación de servizos sociais.
O Concello de Pontevedra dispón dunha aplicación desenvolvida por Imatia Innovation SL, que posibilita que as traballadoras sociais se conecten e accedan directamente ao programa Cividas e á HSUE. Esta aplicación xa se está a empregar a outros concellos como Santiago, Vigo ou Vilagarcía e será de grande utilidade para facilitar xestións como a tramitación das Axudas de Emerxencia.
A HSUE deberá ser única por persoa usuaria do sistema galego de servizos sociais na comunidade autónoma e fará referencia á identificación do usuario e dos profesionais, as valoracións técnicas no ámbito dos servizos sociais, as hipotéticas intervencións sociais e o posible seguimento do caso. En particular, incluirá os aspectos relacionados coas necesidades de atención, os programas, servizos e/ou prestacións que percibe a persoa usuaria e a información da que se dispón necesaria para decidir a modalidade de intervención máis axeitada.
Relacionadas:
-
Petición de Benestar Social á Xunta dunha achega de máis de 2 millóns de euros para programas do Plan Concertado
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora tres traballadoras sociais para evitar a exclusión social de persoas vulnerables
Por Redacción |
-
Benestar Social ofrece cursos gratuítos sobre Informática Básica e Internet
Por Redacción |
-
Unha acción informativa no 'Botellódromo' tratará de previr o consumo de substancias aditivas
Por Oskar Viéitez |