Pontevedra incorpora tres traballadoras sociais para evitar a exclusión social de persoas vulnerables
Por Redacción
A Concellería de Benestar Social, que dirixe o socialista Marcos Rey, porá en marcha o vindeiro martes 1 de marzo o seu Plan Temporal de Inclusión Social Municipal, un instrumento impulsado coa finalidade de amparar a prestación de servizos sociais comunitarios específicos.
A través deste programa, que se desenvolverá ao longo deste ano e de 2023 e para o que se incorporaron tres traballadoras sociais, búscase lograr que as persoas ou familias perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia (Risga) e aquelas que se atopan en condición de pobreza e exclusión social acaden as habilidades necesarias para evitar situacións de vulnerabilidade derivadas dos cambios nos procesos socioeconómicos, facilitando o seu acceso ao mercado laboral e o mantemento dunha forma de vida normalizada.
Entre os obxectivos deste plan inclúense os de aumentar a empregabilidade das persoas e familias en risco ou situación de exclusión social; atender e potenciar os factores persoais, familiares, sociais e instrumentais do colectivo; facilitar espazos de relación social positivos; ampliar os coñecementos básicos para o desenvolvemento na vida diaria; adquirir cualificación profesional; aprender e manexar as habilidades pre laborais; acadar habilidades e competencias na busca activa de emprego, e facilitar a conciliación entre vida familiar, itinerario de inserción e vida laboral.
As persoas contratadas ao abeiro deste programa teñen entre as súas funcións as de executar, en coordinación cos servizos sociais comunitarios básicos, actuacións contidas no proxecto de integración social vencellado ao tramo básico e familiar da Risga, sobre todo no que se refire a iniciativas de promoción educativa e formativa básica, así como a proxectos de capacitación; colaborar co Servizo Público de Emprego no deseño e no efectivo desenvolvemento das actuacións estipuladas nos convenios de inclusión sociolaboral vencellados ao tramo de inserción da Risga, e deseñar e desenvolver itinerarios de inserción para persoas non perceptoras da Risga que se atopen en situación de risco de exclusión social e para persoas perceptoras da Renda Social Municipal.
Ademais, tamén elaborarán proxectos e promoverán actividades específicas para a prevención da exclusión social de grupos vulnerables de características homoxéneas, así como de dinamización social e comunitaria nas súas zonas de intervención; acompañarán de xeito individualizado os procesos de inserción social e laboral; deseñarán e executarán actividades de grupo para a capacitación en habilidades persoais, sociais e de busca activa de emprego, e emitirán informes de seguimento e avaliación dos itinerarios que se remitirán aos servizos sociais comunitarios básicos.
Tal e como sinala Marcos Rey, “as actividades deste programa levaranse a cabo na Casa Azul, mentres que as traballadoras sociais vinculadas ao Plan estarán situadas no Chalé de Fontoira, que é o edificio que alberga o centro de servizos sociais comunitarios básicos do Concello de Pontevedra".
Relacionadas:
-
Petición de Benestar Social á Xunta dunha achega de máis de 2 millóns de euros para programas do Plan Concertado
Por Redacción |
-
Renovado o convenio para financiar a Unidade de Atención ás Persoas Drogodependentes de Pontevedra
Por Redacción |
-
Benestar Social activa un sistema que permitirá notificar as citas por SMS aos usuarios de Servizos Sociais
Por Redacción |
-
Benestar Social ofrece cursos gratuítos sobre Informática Básica e Internet
Por Redacción |
-
Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción |