Benestar Social e Idades lanzan un novo curso para formar a futuros traballadores do SAF
Por Redacción
A concellería de Benestar Social do Concello de Pontevedra e a empresa Idades, que xestiona o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), poñen en marcha unha nova acción formativa: 'A atención a persoas dentro do SAF'.
Este novo curso, que se convoca despois do éxito do realizado a principios de ano e que rematou coa contratación da maioría das alumnas que o completaron, dará comezo despois da ponte da Constitución (a partir do 9 de decembro) e será moito máis extenso que o primeiro (de 28 horas), cunha duración total de 140 horas, con formación presencial teórica de 40 horas na Casa Azul e 100 de carácter práctico.
Poderán participar un máximo de 20 alumnos e para inscribirse é preciso inscribirse a través do email formacion@idades.es ou do teléfono 986 854 996 e cumprir cos requisitos de ter máis de 18 anos, carné de conducir e o graduado en ESO.
"Dentro deste proxecto formativo, adquire especial importancia a formación práctica. O alumnado recibirá de forma personalizada a formación no propio ambiente de traballo, coas persoas beneficiarias do Servizo de Axuda no Fogar de Pontevedra, que ademais os achegará á realidade que vive este sector. Irán acompañando en todo momento a auxiliares tituladas que xa traballan con Idades e que teñen capacidade para ensinar, in situ, as tarefas a realizar coas persoas beneficiarias", explica Rey.
En opinión de Marcos Rey, "o SAF supón a día de hoxe un filón de ocupación importante ou, dito de outro modo, un xacemento de emprego con alto potencial na xeración de postos de emprego. O presente proxecto formativo -apunta o socialista- pretende fomentar o emprego a través dun compromiso de contratación dun 80 % do alumnado que participe na acción formativa, que se atope en situación de desemprego e que finalice a mesma cunha cualificación apta".
Na actualidade, gozan do Servizo de Axuda no Fogar no municipio de Pontevedra preto de 200 persoas. Para poder darlles cobertura, Idades conta cun equipo de 116 persoas, das que 33 foron contratadas neste último ano.
Relacionadas:
-
Catro empresas optan a prestar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra duplicará o custo do SAF para incrementar en 40.000 as horas de atención a dependentes
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora tres traballadoras sociais para evitar a exclusión social de persoas vulnerables
Por Redacción |
-
O servizo de teleasistencia domiciliaria será mellorado con importantes novidades
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra pide 1,6 millóns á Xunta para cofinanciar os servizos sociais
Por Alejandro Espiño |
-
Benestar Social e Policía Local coordínanse para asistir emerxencias no fogar de persoas con déficit de autonomía
Por Redacción |