Renovado o convenio para financiar a Unidade de Atención ás Persoas Drogodependentes de Pontevedra
Por Redacción
A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou a adhesión da Concellería de Benestar Social ao convenio subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para o funcionamento da Unidade de Atención ás Persoas Drogodependentes (UAD) de Pontevedra
O convenio será para o desenvolvemento de programas de atención e protección da saúde.
Deste xeito, a Administración municipal súmase un ano máis a un convenio que permite financiar boa parte dos custes de funcionamento da Unidade de Atención ás Persoas Drogodependentes (UAD) e a Unidade de Día.
Tal e como explica o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, "as axudas deste convenio serven para o desenvolvemento dos programas de asistencia sanitaria especializada a persoas con trastornos aditivos, cun modelo biopsicosocial, respectando os principios de universalidade, anonimato, voluntariedade, equidade e gratuidade e actuando de xeito coordinado co resto dos dispositivos de atención ás adiccións e saúde mental da área sanitaria".
Dita atención comprenderá, entre outras, as funcións de indicación ou prescrición e procedementos diagnósticos e terapéuticos; atencións de saúde mental e asistencia psiquiátrica e psicolóxica; rehabilitación en pacientes con déficit funcional recuperable; educación para a saúde; participación nos sistemas de vixilancia e información, docencia, formación continuada e investigación; realización das prestacións sociosanitarias que correspondan en coordinación dos Servizos Sociais, e a colaboración nas accións de coordinación, produción de documentación clínica e consultoría cos centros de Atención Primaria.
O concelleiro de Benestar Social constata que os gastos da UAD supoñen asumir uns compromisos que no ano 2020 acadaron os 520.259 euros en concepto de persoal e de 27.346 euros en gastos correntes de bens e servizos, e cabe mencionar que as achegas recibidas ao abeiro dos convenios subscritos foron de 394.119 euros en 2019 e de 397.009 no exercicio de 2021.
"O Concello de Pontevedra está a facer un considerable esforzo económico para garantir o funcionamento dun servizo cuxas competencias lle corresponden á Xunta. Neste sentido, agardamos que se poida producir canto antes a asunción destas unidades por parte da Administración autonómica", subliña o edil do PSOE.
Relacionadas:
-
Urxen ao Sergas para que asuma a Unidade de Asistencia a Drogodependencias de Pontevedra
Por Redacción |
-
Pontevedra incorpora tres traballadoras sociais para evitar a exclusión social de persoas vulnerables
Por Redacción |
-
Demanda do PPdeG ao Concello de Pontevedra para que repoña o persoal da Unidade de Drogodependentes
Por Redacción |