Preacordo no convenio das conservas
Por Oskar Viéitez
Os sindicatos CIG e UGT e a patronal das conservas de peixe asinaron este xoves un preacordo sobre o convenio colectivo do sector que garante o poder adquisitivo dos cadros de persoal e avanza na eliminación da fenda salarial.
O pacto, que foi ratificado pola CIG e pola UGT, recolle que a actualización dos soldos se faga en base ao IPC real e que se estableza un incremento adicional do 0,3 en cada un dos catro anos de duración do convenio (2021-24) para as categorías laborais ocupadas maioritariamente por mulleres. Unha vez logrado o preacordo, tanto a manifestación prevista para este sábado en Boiro como as xornadas de folga fixadas para marzo fican desconvocadas.
O preacordo, do que se desmarcou CCOO malia asegurar que o someterá a consideración das asembleas, produciuse tras case cinco horas de xuntanza da mesa negociadora que tivo lugar esta mañá en Madrid. Dende a FGAMT-CIG anunciaron que en breve porán en marcha un calendario de asembleas para someter a consideración das persoas traballadoras o preacordo como requisito imprescindible para a sinatura definitiva do convenio.
En canto ao contido do pacto, salientan que se establece un incremento salarial do IPC real en 2021 e a recuperación da cláusula de revisión salarial orixinal para todos e cada un dos anos de vixencia do convenio, "polo que queda garantido o poder adquisitivo das persoas traballadoras do sector sen fórmulas descafeinadas que deixan os salarios por debaixo do IPC".
Deste xeito, a suba de soldos será dun 6,5% en 2021; en 2022 a suba inicial será do 1%, mais a final de ano aplicarase a cláusula de revisión salarial en base ao IPC real e cobraranse tamén os atrasos, cantidades que se consolidarán en táboas; finalmente, para 2023 e 2024 fíxase un incremento salarial inicial do 1,5% en cada un dos dous anos, aplicándose tamén a cláusula de revisión e o cobro de atrasos.
Outra cuestión a destacar é que se acordou tamén un incremento salarial adicional do 0,3% por cada ano de vixencia do convenio para as categorías do grupo 5, ocupadas maioritariamente por mulleres. Ao mesmo tempo, crearase unha comisión técnica para traballar na eliminación da fenda salarial durante a duración do convenio.
Finalmente, dende a CIG valoran moi positivamente que se lograse evitar que as empresas puidesen modificar a xornada laboral das actuais persoas traballadoras, para o que se estableceu unha quenda de fins de semana e festivos, con contratación indefinida e exclusiva a cargo da empresa, garantido o salario que corresponda por táboas e por categoría.
Ademais, as persoas que traballen nesta quenda ingresarán un plus de 35 euros por cada sábado e de 65 euros por cada domingo e festivo e terán preferencia á hora de cubrir as vacantes de tempo indefinido e con xornada de luns a venres que haxa nas empresas que poñan en marcha esta cuarta quenda.
CCOO NON ASINA O PREACORDO
CCOO non asinou o preacordo principalmente por dúas razóns, segundo explicaron: a primeira porque o preacordo non inclúe a equiparación salarial do grupo 5 co grupo 6 e a segunda porque o preacordo inclúe o traballo en fin de semana e festivos de forma obrigatoria para as novas contratacións "e xa veremos se na práctica para o resto tamén", afirman.
Comisións Obreiras mantén a convocatoria de manifestación en Boiro o sábado ás 12.00 horas.
Relacionadas:
-
Protesta da CIG na Parda contra o xuízo dun delegado acusado de provocar lesións ao participar nun piquete
Por Anxo Lourido | Creada e actualizada
-
A folga paraliza o sector da conserva de peixe
Por Oskar Viéitez |
-
Convocan mobilizacións para demandar un convenio digno no sector das conservas
Por Oskar Viéitez |