Sae cara o Canadá o avión para repatriar os mariñeiros do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño
Ás dez da mañá deste domingo partiu desde España o avión fretado polo Goberno para as repatriacións da tripulación do Villa de Pitanxo. A aeronave saíu desde a base militar de Zaragoza, con destino Canadá.
O A-400 do Exército do Aire aterrará no aeroporto de San Xoán de Terranova e será recibido polas autoridades consulares españolas e polo embaixador de España en Canadá, Alfredo Martínez Serrano, que dirixe os labores de repatriación e asistencia aos familiares.
A falta dunha confirmación oficial sobre a data do voo de regreso a España, que podería ser este mesmo luns, o Goberno confirmou que os tres mariñeiros sobreviventes serán traídos directamente a Galicia para reencontrarse coas súas familias.
Xunto a eles virán cinco dos seus compañeiros falecidos, catro españois -Juan Antonio Cordero, Fernando Santomé, Ricardo Alfonso Cruz e William Arévalo- e un mariñeiro de nacionalidade ganesa, Apaanah Pelungo, que tamén serán repatriados a España.
O quinto español identificado é hispano-peruano, polo que será repatriado a Perú, como os outros tres mariñeiros identificados que son naturais do país andino. Trátase de Rogelio Franco, Miguel Lumes, Diego Andrés More e Daniel Fernando More.
O Ministerio de Asuntos Exteriores traballa en coordinación cos servizos do Goberno de Terranova e Labrador para que a repatriación se realice con todas as garantías e canto antes, segundo asegura o Goberno, que garante que os familiares están a ser atendidos.
Os tres mariñeiros sobreviventes e os corpos dos nove falecidos foron chegando ao longo desta fin de semana ao porto de San Xoán de Terranova.
O venres chegaron no buque canadense Nexus os dous primeiros mariñeiros falecidos e o sábado fixérono os corpos das outras sete vítimas, xunto aos tres sobreviventes, a bordo do pesqueiro galego Playa Menduíña Dos.
Relacionadas:
-
A Fiscalía abre dilixencias para acelerar a declaración de falecemento dos desaparecidos
Por Natalia Puga |
-
Os tres sobreviventes do naufraxio, "abatidos" e expectantes ante o seu regreso a España
Por Alejandro Espiño |
-
Clamor multitudinario en Marín para que se retome a busca dos mariñeiros do Pitanxo
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
Finaliza a identificación en Canadá dos nove mariñeiros falecidos tras o afundimento do Villa de Pitanxo
Por Oskar Viéitez |
-
As familias da tripulación do Villa de Pitanxo mobilízanse para que siga a procura
Por Cristina Saiz & Oskar Viéitez |
-
O Goberno fretará un avión para repatriar aos mortos e sobreviventes do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Oskar Viéitez |