Ángeles Vázquez anuncia que este ano están proxectadas máis de 200 novas vivendas protexidas en Pontevedra
Por Oskar Viéitez
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada do director do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García, abriu este luns en Pontevedra os encontros informativos "Construíndo Fogar" nun acto no que anunciou que están proxectadas máis de 200 novas vivendas protexidas en Pontevedra.
A conselleira avanzou que este ano están en fase de proxecto ou en construción un total de 109 vivendas protexidas no barrio de Valdecorvos: as 76 que construirá o IGVS, cuxo proxecto se licitará esta primavera, e outras 33 en dúas parcelas de solo residencial que foron adxudicadas no ano 2020 a unha cooperativa privada para o seu desenvolvemento.
Ademais destas dúas promocións, cun investimento de 11,65 millóns de euros, a conselleira anunciou que, no marco do concurso de solo residencial que convocará este ano Xestur, incluiranse dúas parcelas máis, localizadas tamén en Valdecorvos, coa previsión de construír 104 vivendas protexidas, de forma que este ano están proxectados na cidade, entre promoción pública e privada, máis de 200 novos pisos de protección.
Na súa intervención, Ángeles Vázquez indicou que a Xunta de Galicia ten previsto ofrecer este ano unha trintena de programas de axudas e incentivos en materia de vivenda para poñer á disposición de cidadáns, concellos e promotores que operan no sector residencial máis de 150 millóns de euros procedentes de fondos públicos.
Precisamente, estes encontros informativos "Construíndo Fogar" teñen como obxectivo dar a coñecer o conxunto de liñas de subvención que xestionará a Xunta durante 2022, incluídas tanto as xa convocadas como as que se publicarán nos vindeiros meses.
Ante preto dun cento de representantes municipais, empresarios, profesionais de distintas ramas do sector e veciños dos 10 concellos da comarca, Ángeles Vázquez subliñou a "gran oportunidade" que ofrecen estes fondos para facilitar o acceso dos cidadáns a un fogar en réxime de propiedade ou en alugueiro, ao tempo que se fomentan novas actuacións de rehabilitación do patrimonio construído con fins residenciais.
Estas xornadas itinerantes percorrerán varias comarcas galegas nas vindeiras semanas para trasladar aos seus potenciais beneficiarios toda a información fundamental relacionada con estas axudas.
Foi o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo o encargado de expoñer polo miúdo os 31 programas que xestionará en 2022 este organismo, incidindo especialmente nos requisitos de acceso, os colectivos aos que van dirixidos, as contías máximas das axudas e os prazos de presentación para os que xa están publicados.
Relacionadas:
-
A Xunta dá o visto e prace á construción de 74 novas vivendas públicas en Valdecorvos
Por Redacción |
-
A Xunta prevé instalar un novo transformador en Valdecorvos para reforzar o servizo eléctrico da zona
Por Redacción |
-
A Xunta tamén subvencionará a rehabilitación enerxética nas segundas residencias
Por Redacción |
-
Unha cooperativa construirá 33 novas vivendas de protección autonómica en Valdecorvos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Ofertan catro parcelas en Valdecorvos para construír 137 vivendas protexidas
Por Redacción |