O Concello de Poio agarda iniciar en dos meses as obras en Portosanto
Por Redacción
O concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo do Concello de Poio, Gregorio Agís (PSdeG-PSOE), salienta a boa acollida que tivo a reunión informativa celebrada este domingo ás portas da Casa Museo de Colón, na parroquia de San Salvador, na que se trasladou ás persoas residentes nos núcleos de Portosanto, A Puntada e Saíña os detalles do proxecto de rehabilitación e mellora sostible que se executará na contorna.
Ademais de expoñer en paneis informativos os detalles da actuación, Agís Gómez tamén resolveu dúbidas e cuestións que foron formuladas polos veciños e veciñas que acudiron á cita, na que tamén estiveron presentes o alcalde, Luciano Sobral, e membros do goberno municipal.
O edil de Promoción Económica e Urbanismo agradeceu o interese e a implicación amosada polos residentes á hora de querer coñecer os detalles dunha obra que “dará un novo sentido e un pulo importantísimo a unha das zonas de referencia da parroquia de San Salvador”. Gregorio Agís lembrou que, co proxecto xa redactado, proximamente comezará a tramitación previa á licitación e adxudicación dos traballos.
“Confiamos en que este proceso quede listo o antes posible e que as obras poidan dar comezo nun prazo aproximado duns dous meses. A nosa intención é que os traballos se desenvolvan causando as menores molestias posibles á veciñanza”, indicou.
Cómpre lembrar que a actuación deberá estar lista a finais do mes de abril de 2023. O proxecto contará cun orzamento que rolda o millón de euros proximadamente. O 80% do financiamento provirá do programa ReacPon da Deputación de Pontevedra, mentres que 20% restante corresponden a fondos do Plan Concellos, impulsado tamén pola institución provincial. As obras incluirán a renovación e dotación de servizos básicos, así como a humanización de diferentes espazos, facendo especial fincapé na seguridade peonil e na redución da pegada de carbono, respectando en todo momento as construcións tradicionais.
Neste sentido, Gregorio Agís incide na importancia de levar a cabo unha actuación deste tipo nunha zona “de moito tránsito”, xa que nesta contorna se atopan varios lugares de interese, como a Casa Museo de Colón, a escola infantil de Saíñas ou un área recreativa. “A obra suporá un antes e un despois para a veciñanza de San Salvador”, concluíu o edil de Promoción Económica e Urbanismo, que recalcou que “no Concello estamos á disposición da cidadanía para resolver calquera tipo de dúbida con respecto á actuación”.
Relacionadas:
-
As obras de reforma integral entre Saíñas, A Puntada e Portosanto completan a súa primeira fase
Por Redacción |
-
Comezan as obras de rehabilitación de Portosanto, Saíñas e A Puntada
Por Redacción |
-
"Nova etapa" para a Casa Museo de Colón que activa un plan de dinamización
Por Redacción |
-
COVSA acometerá os novos servizos e a mellora de mobilidade no núcleo da Puntada, Portosanto e Saíñas
Por Redacción |
-
A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo
Por Redacción |
-
A reforma das Saíñas e da Puntada incluirá unha senda peonil entre Pontevedra e Lourido
Por Alejandro Espiño |
-
Poio aproba o convenio para a mellora integral da contorna de Saíñas, A Puntada e Portosanto
Por Redacción |