A veciñanza do Xuviño fai as súas achegas para enriquecer o anteproxecto de mellora do núcleo
Por Redacción
Arredor de 40 veciños do Xuviño tomaron parte este domingo 30 de xaneiro na reunión convocada polo concelleiro de Promoción Económica e Urbanismo, o socialista Gregorio Agís, para dar a coñecer os primeiros detalles do anteproxecto da actuación de posta en valor e mellora deste núcleo tradicional situado na parroquia de Combarro.
Trátase dunha obra que, tal e como lembro o edil do Goberno local, contará cun orzamento que supera os 300.000 euros, e que será financiado a través de fondos europeos xestionados ante o Instituto para la Diversificación y Ahorro de Energía (IDAE). A achega acadada polo Administración local ascende a algo máis de 250.000 euros, mentres que o Concello asumirá o resto da contía.
Gregorio Agís agradeceu a asistencia dos e das residentes e tamén quixo resaltar a súa predisposición á hora de realizar achegas "útiles e moi interesantes", que "sen dúbida axudarán a enriquecer o proxecto que temos contemplado acometer".
Unha das cuestións sobre as que se falou foi a necesidade de tomar as medidas necesarias para garantir que as obras afecten o menos posible aos accesos ás vivendas. "Máis alá deste tipo de suxestións, quedou patente que a veciñanza do Xuviño está de acordo tanto co proxecto como co achegamento sobre como temos previsto executalo", resaltou o titular de Promoción Económica e Urbanismo. Cómpre lembrar que esta reunión se desenvolveu ao aire libre, nas inmediacións da capela da Virxe da Renda.
O proxecto atópase en fase de redacción, polo que o seguinte paso será incluír as achegas ao documento, que Agís augura que estará listo en próximas semanas. A partir de aí, será o momento de iniciar o proceso de licitación das obras. A intención do Concello é que estes traballos estean xa en marcha antes de que comece o verán.
A actuación será "absolutamente respectuosa coa contorna que ten este núcleo tradicional, seguindo a estela doutras actuacións similares que xa vimos acometendo previamente, como é o caso da mellora da Seara, en San Xoán. Seguimos traballando na liña marcada no Plan de Mobilidade Sostible que aprobamos en 2019", explicou Gregorio Agís, que tamén engade como grandes beneficios a mellora da seguridade peonil, o reforzo da mobilidade sostible e a redución da pegada de carbono, así como a renovación e posta a punto de servizos básicos.
Esta liña de cooperación e na busca de consenso seguirá aplicándose á hora de dar a coñecer outros proxectos como son o da rehabilitación da Puntada, Saíñas e Portosanto, financiando integramente con fondos da Deputación de Pontevedra, ou da reforma integral da rúa Ramón Encinas, en Raxó, con axudas de Europa xestionadas directamente pola Concellería de Promoción Económica e Urbanismo.
Relacionadas:
-
A rehabilitación do núcleo do Xuviño comezou polos servizos básicos
Por Redacción |
-
A reforma do núcleo do Xuviño estará feita a principios de 2023
Por Redacción |
-
A rehabilitación do núcleo do Xuviño sairá máis cara do previsto
Por Redacción |
-
O Concello de Poio agarda iniciar en dos meses as obras en Portosanto
Por Redacción |
-
Os veciños de Xuviño, en Combarro, poderán achegar ideas para o seu proxecto de rehabilitación
Por Redacción |
-
Poio proxecta a humanización e reforma integral do núcleo do Xuviño
Por Redacción |
-
Poio obtén máis de 250.000 euros do IDAE para as obras do núcleo do Xuviño
Por Redacción |