Aberta a licitación para a reforma integral da estrada interior de Vilarchán
Por Redacción
O Concello de Ponte Caldelas saca a licitación a mellora da estrada interior de Vilarchán por 119.229,31 euros máis IVE, o que ascende a un total de 144.352,17 euros.
As empresas interesadas na realización dos traballos teñen un prazo de 20 días naturais para a presentación de ofertas. A obra, sinalan dende o Concello, mellorará notablemente as comunicacións dos veciños de Vilarchán, Contixe e Mirón, que diariamente empregan este vial para os seus desprazamentos. A estrada presenta actualmente numerosas fochancas e outras moitas deficiencias de seguridade vial que quedarán totalmente solventadas con esta actuación integral que mellorará os 1.500 metros dos que dispón este vial.
O Concello de Ponte Caldelas ten previsto unha reforma integral nesta estrada interior que contempla a limpeza de todas as marxes, a aplicación de nova capa de rodadura de aglomerado asfáltico de 5 centímetros de grosor, a recolocación de todas as tapas de rexistro, o pintado da sinalización vial e a colocación de sinalización vertical, a construción de cunetas en formigón e a realización de novas canalizacións de pluviais.
Ademais, coloránse varios redutores de velocidade e pecharase a perigosa intersección coa PO532 que se atopa en plena curva e que presenta escasa visibilidade, onde xa se produciron en diversas ocasións accidentes con feridos. Por outra parte, está previsto ampliar a sección viaria en todos os tramos que sexa posible.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, destaca a importancia desta obra pois é "unha demanda veciñal histórica que a Xunta de Galicia non atendeu mentres foi titular do vial e que agora solventará o Concello de Ponte Caldelas a través dunha intervención integral".