A Lama destina parte do seu remanente á mellora do camiño de Porto, en Berducido
Por Redacción
O alcalde da Lama, Jorge Canda, inspeccionou este mércores a marcha dos traballos que se están a acometer no lugar de Porto, na parroquia de Berducido, para resolver graves problemas de accesibilidade a vivendas e de canalización de augas pluviais a través dunha actuación que contempla o formigonado dun camiño e a instalación de tubaxes ao longo de todo o vial.
Esta actuación afróntase a través do remanente de tesourería municipal, uns aforros que permiten agora afrontar este tipo de obras que non son demasiado voluminosas, pero que resolven graves problemas concretos que padece a veciñanza.
Así, segundo puido comprobar o rexedor, no camiño de Porto os operarios acometeron un proceso de limpeza, nivelación e preparación do vial colocando sistemas de evacución e canalización de augas pluviais coa intención de resolver graves problemas de accesibilidade e mesmo de humidade provocada polas incidencia das choivas nas portas de acceso ás vivendas existentes neste camiño.
A intervención no lugar de Porto estase acometendo en varios tramos solucionando os problemas que presenta cada camiño. Neste vial que será formigonado nos vindeiros días, investiranse uns 8.000 euros.
"Este tipo de actuacións que estamos levando a cabo por todo o municipio obedece ao noso desexo de dar solucións concretas a problemas que padece a nosa veciñanza sobre todo a aqueles que están relacionados con temas de accesibilidade ou de resolver canalizacións de augas pluviais que son verdadeiros quebradeiros de cabeza para os veciños e que precisan dunha actuación decidida por parte do Concello”, explicou Canda.
“Unha boa xestión económica que nos permite dispoñer dun orzamento municipal equilibrado para atender as demandas da veciñanza e manter en perfecto funcionamento os servizos públicos é o que nos permite chegar a final de ano con resultados positivos e destinar ese remanente a obras de menor entidade, pero para as persoas que as necesitan son da máxima prioridade”, rematou o rexedor.
Relacionadas:
-
A Lama amplía un camiño e mellora a evacuación da agua da choiva nas Chozas
Por Redacción |
-
A nova planta de residuos da Lama estará operativa a finais deste ano
Por Redacción |
-
Operarios municipais da Lama borran dúas pintadas machistas no colexio público
Por Redacción |
-
A Lama estrea a humanización do Camiño das Cocheiras
Por Redacción |