Barallan tecnoloxía viguesa par dar un paso máis na procura do Villa de Pitanxo: baixar ao pecio con robots sumerxibles
Por Natalia Puga
A procura dos 12 desaparecidos da tripulación do Villa de Pitanxo poderá dar un paso máis co descenso ás profundidades do Atlántico para inspeccionar o pecio do buque naufragado. Para facelo, as autoridades españolas entraron en conversacións coa empresa ACSM, con sede en Vigo e bases operativas en Canarias, México e Emiratos Árabes.
ACSM conta con recoñecemento internacional no campo de procura e rescate en augas profundas e, entre os seus servizos, figuran ofrecer resposta a emerxencias marítimas mediante o despregamento da última tecnoloxía de sónar submarino para buscar e localizar restos de naufraxios e a posterior inspección e recuperación de vídeo mediante o uso de robots sumexibles de control remoto co sistema ROVs (Remoted Operated Vehicle).
Ata o de agora , ACSM inspeccionou máis de 250 estruturas marítimas, tubaxes e cables en máis de 60 países. O verán pasado colaborou na procura das nenas Anna e Olivia, desaparecidas en Tenerife tras ser secuestradas y presuntamente asasinadas polo seu pai, Tomás Gimeno.
Tal e como confirmou Javier Touza, presidente da Cooperativa de Armadores de Pesca do Porto de Vigo (ARVI), Salvamento Marítimo xa se puxo en contacto con eles para estudar a súa implicación neste caso.
Esta empresa coopera con autoridades públicas, axencias gobernamentais, así como con organizacións privadas para operacións de rescate ata 6.000 metros de profundidade, de modo que reúne as condicións para este caso.
Javier Touza confirmou a PontevedraViva que esta empresa poderá axudar nos labores para determinar "o posicionamento exacto do pecio" e tamén tomar imaxes que permitan saber "a situación exacta do barco".
En concreto, segundo o responsable de ARVI, teñen un buque en Viana do Castelo que podería baixar aos 4.000 metros e que en cuestión de días podería estar na zona do afundimento, a 460 quilómetros da costa de Terranova.
De momento, a participación desta empresa non está confirmada, pero si que hai conversacións en marcha. A súa contratación respondería a unha das peticións que realizaron as familias dos 12 tripulantes cuxos corpos non foron recuperados, que reclaman poder inspeccionar o pecio porque están convencidos de que "hai corpos alí".
PESQUEIROS NA PROCURA
Nos dous últimos días, seis barcos españois e portugueses realizaron unha vixilancia activa na zona do afundimento para buscar aos desaparecidos, pero a procura tan só permitiu localizar algúns restos de redes. Este xoves, as tarefas tiveron que suspenderse polo mal tempo na zona, pero volverán retomarse en canto apareza unha nova "xanela de oportunidade".
Respecto diso, Javier Touza lembrou, como fan sempre as familias, que os buques pesqueiros poden axudar, pero "non somos especialistas rescatadores, somos especialistas en pescar", de modo que é necesario contar con "profesionais de procura".
A colaboración de empresas como ACSM pode "lanzar algo máis de luz", pois os pesqueiros "podemos axudar, pero non suplir". En todo caso, Touza garante que seguirán con barcos na zona.
Relacionadas:
-
Unha empresa viguesa baixará ao Villa de Pitanxo e rastrexará 25 quilómetros cadrados ao día
Por Natalia Puga |
-
As familias esixen coñecer os detalles do naufraxio ao sospeitar que se incumpriron medidas de seguridade
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
"Compromiso firme" do Goberno de "seguir buscando" os desaparecidos do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Diego Espiño |
-
O regreso máis triste da tripulación do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |