A crise multiplica os ingresos en Proxecto Home por alcoholismo, abuso de psicofármacos ou ludopatía
Por Redacción
Os presidentes da Deputacion de Pontevedra, Rafael Louzán, e do Proxecto Home, Ramón Crespo, asinaron este venres no Pazo Provincial un convenio, por valor de 25.000 euros, para que esta institución benéfica manteña os seus recursos terapéuticos nos centros de Vigo e Pontevedra.
Proxecto Home é un programa educativo-terapéutico que leva 23 anos traballando en Galicia no eido da rehabilitación e reinserción social de persoas con todo tipo de adiccións. Na actualidade conta con máis de 2.000 Altas Terapéuticas e mantén centros en Vigo e Pontevedra.
No acto, Ramón Crespo destacou que a Deputación de Pontevedra é a única institución pública da provincia que colabora cada ano co Proxecto Home "pois o Concello de Vigo deixou de colaborar con esta institución altruista e asistencial fai tres anos e o de Pontevedra reduxo ao mínimo a súa aportación de tal xeito que renunciamos a ela".
Crespo suliñou que en Vigo manteñen un programa de patoloxía dual con 32 prazas residenciais, que é único en España. E afirmou que Proxecto Home está a traballar con novas problemáticas derivadas da crise como o alcoholismo, o abuso de psicofarmacos ou a ludopatía.
O Proxecto Home iniciou unha nova liña de actuación para conquerir a inserción laboral dos pacentes. Polo de agora, creou 20 postos de traballo, en total, nun cebadeiro en Guísamo (A Coruña), un centro terapeútico e un albergue en Santiago e un grupo de xardinería.
Pola súa banda, Louzán reafirmou o firme compromiso da Deputación cos investimentos en servizos sociais e "en concreto, con este do Proxecto Home que busca a recuperación das persoas toxicómanas así como ás familias afectadas". Nos últimos seis anos a Deputación destinou case 200.000 euros a Proxecto Home para acometer distintos programas de formación, inserción laboral e introdución no deporte.